O Concello solicítalle a Sanidade un cribado urxente en Betanzos ante o crecemento do número de positivos

144

A Alcaldía incrementa as medidas da Xunta co peche de parques infantís e pistas polideportivas e a suspensión da feira do día 1, entre outras decisións.

O número de casos positivos rexistrado nos últimos días, a porcentaxe de incidencia acumulada e a “preocupación crecente pola situación” fixo que a alcaldesa, María Barral, solicitase o pasado sábado á xerencia da área sanitaria “levar a cabo, con carácter urxente, un cribado entre a poboación tendo en conta da situación que se está vivindo nos últimos días”.

A primeira edil agradeceu a disposición da xerencia, e fica agora á espera de que se confirme este “cribado que desde o goberno local consideramos de xeito evidente necesario e que nos digan os tramos de idade nos que, se aceptan a solicitude, se pode realizar”.

María Barral trasladoulle a súa máxima colaboración á hora de desenvolver as probas poñendo a disposición de Sanidade tanto instalacións municipais como persoal de servizos (Policía Local, Protección Civil).

A maiores, a alcaldesa explicou que o Concello está a tomar medidas máis aló das restricións marcadas pola Xunta, mesmo se finalmente, nas próximas horas, a Xunta decreta restricións máximas. Desde a Alcaldía decretouse o peche de pistas polideportivas exteriores e parques infantís e a suspensión da feira do próximo día 1.

Ademais reactivarase o servizo de cita previa nas oficinas municipais, suspendendo calquera actividade cultural.

A maiores, póñense en marcha unha serie de accións no ámbito da seguridade e en aspectos sociais de atención a persoas afectadas, fortalecendo as actuacións que xa viñan realizando os servizos municipais.

A primeira edil mantivo unha reunión de coordinación con Servizos Sociais, Policía Local e Protección Civil para analizar diversos protocolos de atención ante o aumento do número de casos positivos. Neste sentido, trasladou tamén a colaboración do Concello a través de todos servizos aos responsables do Centro Pai Menni “cun importante número de persoas afectadas”.

Mantéñense os servizos de atención por parte do Concello, co programa de chamadas que realiza Servizos Sociais ás persoas maiores do municipio e os teléfonos de atención de Protección Civil “para atender calquera necesidade que se produza, especialmente, de persoas maiores que vivan soas”.  Refórzase o teléfono de urxencias chamando ao 981 774 742.

Tamén se potenciou durante os últimos días o programa de desinfeccións de espazos públicos en todo o municipio. Os labores realizábanse de forma continúa aínda que durante os últimos días, ante o incremento do número de casos positivos pola Covid desde a Concellaría de Obras reactivouse o programa “de actuacións intensivas que xa se executou en varias fases da pandemia”, explicou o concelleiro Diego Fernández. Trátase de desinfeccións en parques, prazas, xogos infantís, colectores etc. Tanto da zona urbana como da zona de rural, un programa que se completará co de limpeza viaria.