O Concello valora que a Xunta atenda as súas peticións e reforce o servizo de transporte

302

A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión, o pasado venres 22 de abril, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, na que trasladou os problemas que aínda teñen os usuarios/as do transporte público de Betanzos que se desprazan diariamente en autobús a Ferrol e A Coruña. A primeira edil lamentou que o encontro se producise como consecuencia despois de facer público”?o desencontro coa Xunta neste tema e a falta de resposta por parte da conselleira” ás reiteradas peticións de reunión realizadas polo Concello. “A pesar da posición da conselleira, coa reunión desta mañá o que quedou patente é que ao Concello o que lle interesaba era ter unha reunión para desbloquear a situación que se está dando e que afecta a numerosos betanceiros/as usuarios do transporte. Se a conselleira non quere recibir á alcaldesa, pois ela saberá o motivos. O entendemento co director xeral e o delegado de Transportes é bo pola disposición de ambos ás formulacións do Concello, nese sentido, saio satisfeita da reunión”.

A primeira edil explicou que a Xunta aceptou a “vía de diálogo e colaboración” que desde o primeiro minuto amosou o Concello e que nesa vía “buscarase solución, ese é o compromiso dos responsables de Transportes, aos problemas que viñan sufrindo varios colectivos”. A alcaldesa subliñou que o problema non viña xerado polo número de expedicións senón “porque o horario desas expedicións tanto a Coruña como a Ferrol encaixe na demanda que existe e cubra as necesidades reais. De nada serve falar de 36 ou 38 frecuencias se ao final se realiza un mal servizo”. María Barral expuxo novamente os problemas que existen con Ferrol e A Coruña a determinadas horas valorando que a Xunta lle dea solución aos “problemas expostos para os traballadores e traballadoras do Chuac ou para alumnado que ao mediodía sae de Ferrol cara a Betanzos”. No entanto, segue habendo problemas para o alumnado do IES As Mariñas, que sae antes de clase porque non ten conexións; o mesmo ocorre co alumnado de Betanzos polas tardes en Ferrol para volver a casa ou os problemas que existen a determinadas horas porque hai máis demanda que oferta de asentos libres nos autobuses. Neste sentido, a alcaldesa explicou o compromiso da Xunta a “buscar solucións con autobuses con máis prazas ou mesmo reforzar os servizos a determinadas horas”.

María Barral indicou que aínda que se mellorou a información que se traslada a través de internet, pediu “un maior esforzo nas paradas”, propoñendo códigos QR e, na principal de Betanzos unha pantalla informativa sobre os horarios e o tempo de espera das liñas. Ao ser agora un paso intermedio moitas veces descoñécese se o autobús pasou ou non. Con esta información evitariamos estes problemas?. A Xunta comprometeuse a colocar, como primeiro paso uns códigos QR.

Canto aos horarios, a alcaldesa fixo fincapé na importancia de que se cumpran porque “a actual situación xera tamén incerteza á hora de esperar o autobús e non saber se chegas ou non a tempo a traballar ou ao teu centro educativo”. Aínda que pode entender que “as obras de Sol e Mar inflúen nos horarios, o certo é que é a Xunta a que ten que buscar alternativas a esa situación como tamén o temos que facer os que usamos a N-VI”.

A alcaldesa agradeceu o ton e a disposición do director xeral e o xefe territorial e a “boa sintonía da reunión” e espera que “sexa o inicio do que desde Betanzos se pediu desde o principio: a colaboración de ambas as institucións na procura de solucións aos problemas que existen no transporte”.

Por último, María Barral considera que é necesario “promover o tren de proximidade, tal e como leva reclamando o Concello desde hai anos. O que non é lóxico é que cando agora goberna en Madrid o PSOE, a Xunta reclame esta mellora, e cando gobernaba o PP facían oídos xordos ás peticións que realizabamos desde Betanzos. Somos os primeiros en expor a mellora deste servizo, goberne quen goberne e nese camiño ímonos a atopar sempre.