O Concello non aprobará ningunha alternativa de supresión do paso a nivel do porto que non parta da antiga N-VI

351
Porto de Betanzos
Porto de Betanzos

O Concello dirixirase a Adif para trasladarlle a súa oposición á súa proposta alternativa para a supresión do paso a nivel de acceso ao porto. Adif presentara en febreiro de 2021 cinco alternativas para a supresión do paso a nivel despois de que en novembro de 2018 presentase unha primeira que, polo seu impacto, foi descartada polo Concello.

Entre as cinco alternativas presentadas en febreiro do pasado ano incluíase unha que reunía as condicións que o Concello defendeu desde hai anos: a conexión do porto coa antiga N-VI. Así llo trasladou a alcaldesa, María Barral, nunha carta á dirección de Adif, acompañada por un estudo técnico. Nese escrito, e tendo en conta tanto as valoracións técnicas como as pretensións da veciñanza e do propio goberno local, a primeira edil expresaba a Adif que a elección do Concello pasaba pola que eles denominaban “alternativa 4” que incluía a construción dunha glorieta na avenida da Coruña, no PK 583+875, é dicir, a uns 300 metros aproximadamente do cruzamento das avenidas da Coruña e Fraga Iribarne en dirección Betanzos-Sada. Un viario nunha zona despexada e máis afastada de vivendas e do núcleo urbano.

Desde aí construiríase un viaduto duns 163 metros de lonxitude para conectar cos terreos portuarios. Desde o Concello considerábase que esta ligazón era a apropiada desde o punto de vista funcional e de menor impacto no territorio, mantendo o paso peonil ao porto na actual localización, pero elevado ou subterráneo.

Con todo, agora, Adif trasládalle ao Concello que a supresión do paso a nivel substituirase polo que eles denominan alternativa 1, unha solución á que o Concello puxo xa no seu informe técnico unha serie de obxeccións e que, por tanto, descartou para incidir no escrito remitido pola alcaldesa á dirección de Adif en febreiro do pasado ano que a única alternativa válida para o Concello era o número 4, a pesar de ser a máis elevada canto ao custo.

Esta alternativa 1 pasa pola construción dun viario que conecte o Paseo Ramón Beade e a rúa Arxentina a través dun paso superior sobre a vía do ferrocarril, cunha pasarela peonil que se situará na contorna do actual paso a nivel e a repavimentación da rúa Arxentina ata o paseo Ramón Beade. Esta solución é trasladada ao Concello para que dea agora a súa aprobación e continúe a tramitación, aínda que, a alcaldesa xa adiantou que desde o goberno local se oporán de novo a esta alternativa “xa que aínda que desde o punto de vista técnico sexa viable, consideramos que, de xeito evidente, provoca un impacto na zona ao que nos opomos o Concello e a veciñanza, polo que lle trasladaremos a Adif o noso rexeitamento e que se volva á solución trasladada no escrito de febreiro de 2021. Así llo farei chegar de novo a Adif que debe entender a postura municipal aínda que supoña un maior investimento que a que eles propoñen. Sabemos que desde o punto de vista doutras administracións a alternativa que apoiamos (a 4) non ten tampouco problemas polo que confiamos en que Adif valore de novo o proxecto e acometa a solución exposta para conectar o porto coa antiga N-VI.