O espectáculo “Chulísima” de Aldaolado chega a Betanzos o 21 de marzo polo Día da Poesía

33

O 21 de marzo, e dentro do programación do Concello de Betanzos polo Día da Poesía, as poetas e artistas María Lado e Lucía Aldao volven a Betanzos co seu espectáculo “Chulísima” para máis de cento cincuenta alumnos e alumnas de secundaria do IES As Mariñas, o IES Francisco Aguiar e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. Este espectáculo está dentro do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña 2023.

O Concello de Betanzos organiza esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística e dentro do programa de colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino betanceiros para levar a cabo actividades de dinamización sociolingüística e promoción da lingua galega encamiñadas a potenciar uso da lingua galega, así como conseguir novos espazos de uso entre a mocidade.

Chulísima

Hai persoas que falan galego porque senten que é a súa lingua e outras que non se atreven aínda

a usala. Hai quen non lle interesa en absoluto o galego e nunca se lle pasou pola cabeza dicir nin media palabra. Pero o que é seguro e que todas coincidimos en que a nosa lingua é CHULÍSIMA! Aínda que só sexa para escoitala de fondo. Ou nunca che dixeron que as galegas falamos coma cantando, que soa “super dulce” ou que é a mellor lingua para a poesía?

Aldaolado presenta este novo espectáculo no que, coma sempre, empregan a retranca, o humor, a poesía e a música para mostrar que o galego é unha lingua marabillosa, chea de vida e de logros malia todos as batallas que perdeu. Durante o espectáculo contan a historia do galego como nunca se contou (moi rápido, moi claro) e intentando desmontar algún dos prexuízos que algunhas persoas usan como escusa para non dicir as súas primeiras frases en galego. Unha proposta chulísima!