O goberno local asegurou no pleno que o parque infantil de Pintor Seijo será o primeiro do municipio no que se instalará unha cuberta tal e como estaba previsto, a través dunha cofinanciación coa Deputación Provincial que —aclarou— en ningún caso se perdeu “como algúns pretenden insinuar”. Explicou que para a mellora do parque existían dous proxectos independentes desde o punto de vista técnico e administrativo. Por un lado, o de renovación dos xogos e a superficie e, por outro, o de construción dunha cuberta.
O feito de iniciar as actuacións polo de renovación do parque respondeu “a unha necesidade inmediata de renovación e modernización dun espazo moi utilizado diariamente por numerosas familias e menores da cidade”. Segundo sinalou o concelleiro de Obras, Andrés Hermida, o parque presentaba problemas derivados do desgaste dos elementos de xogo, do deterioramento do pavimento e da necesidade de adaptar as instalacións ás normativas actuais de seguridade e accesibilidade.
Neste sentido, lembrou que o Concello optou por priorizar unha actuación inmediata que permitise mellorar canto antes as condicións de uso do parque, evitando prolongar durante máis tempo as deficiencias existentes e permitindo que as familias puidesen dispor novamente do espazo en condicións adecuadas de seguridade. Por iso, decidiuse acometer en primeiro lugar o proxecto da renovación del parque e, posteriormente, o da cuberta.
Andrés Hermida explicou que esta futura cuberta constitúe un proxecto totalmente independente desde o punto de vista técnico e administrativo do de renovación do parque, xa executado. Explicou que a instalación da estrutura require estudos específicos relacionados con cimentacións, resistencia estrutural, cargas, evacuación de augas pluviais, integración urbanística e adaptación á contorna urbana, ademais dunha tramitación administrativa e orzamentaria diferenciada.
Segundo indicou, o feito de executar previamente a reforma do parque no condiciona nin imposibilita a posterior instalación da cuberta, xa que ambos proxectos “deséñanse e execútanse de forma separada”. Engadiu, ademais, que acometer simultaneamente ambas actuacións “supuxese unha maior complexidade técnica, máis tempo de peche do parque e un investimento inicial considerablemente superior e que a decisión foi tomada seguindo tamén as recomendacións técnicas”. Existía un proxecto inicial de cuberta que agora “hai que reformular en canto a prezos e características”, pero “en ningún momento se perdeu o diñeiro previsto para esta actuación”.
A alcaldesa, María Barral, defendeu a xestión realizada polo goberno municipal en relación con este proxecto destacando que o executivo local traballa desde hai anos nun proceso continuo de mellora e modernización dos espazos públicos e das áreas infantís de Betanzos, con actuacións desenvolvidas en distintos barrios e parques da cidade. Segundo sinalou, o obxectivo do Concello é avanzar de forma progresiva e responsable na renovación de infraestruturas públicas, adaptándoas ás necesidades actuais das familias e dos menores.
María Barral incidiu especialmente na importancia de xestionar os proxectos municipais con criterios de responsabilidade económica e planificación técnica, adaptando cada actuación ás posibilidades orzamentarias existentes en cada momento. Neste sentido, explicou que o goberno local entendeu que la prioridade inmediata debía centrarse en mellorar canto antes as condicións do parque infantil, renovando xogos, pavimentos e zonas de estancia para garantir un uso seguro e accesible.
A alcaldesa defendeu que o proxecto da cuberta é un obxectivo do goberno municipal e reiterou a vontade do Concello de seguir avanzando no seu desenvolvemento. Explicou que unha actuación destas características require un importante traballo previo de definición técnica e planificación económica, “especialmente tendo en conta a singularidade do proxecto e as necesidades estruturais que implica unha cuberta destas dimensións nunha contorna urbana consolidada”.
Durante a súa intervención, María Barral subliñou que o futuro parque cuberto de Pintor Seijo Rubio será unha infraestrutura pioneira en Betanzos e suporá unha mellora moi significativa para as familias, permitindo o uso do espazo durante todo o ano e favorecendo especialmente a súa utilización durante os meses de choiva e mal tempo.
A rexedora puxo tamén en valor a importancia de continuar mellorando as áreas infantís e os espazos de convivencia veciñal, destacando que este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia máis ampla de humanización urbana, mellora da calidade de vida e recuperación de espazos públicos para o gozo das familias.
O goberno local lembrou igualmente que nos últimos anos o Concello desenvolveu múltiples actuacións de renovación de parques infantís e espazos públicos en distintos puntos da cidade, incorporando novos elementos de xogo, áreas inclusivas, melloras de accesibilidade e novos pavimentos de seguridade. Entre outros espazos, realizáronse actuacións en Alfonso IX, O Pasatempo, As Donas, Viuxe, A Ribeira, O Xuncaliño ou a Praza do Emigrante.











