O goberno local ultima cos sindicatos unha actualización do convenio colectivo do persoal laboral

310

O goberno local ultima cos sindicatos a actualización do convenio colectivo do persoal laboral. Na última mesa xeral de negociación, realizada esta mesma semana, coa participación do goberno local e os sindicatos UXT, CIG e CSIF, avanzouse de forma substancial na modificación  do convenio para así cumprir co compromiso do Concello de plasmar a estrutura retributiva recollida na RPT no propio convenio, para que o persoal laboral perciba o mesmo complemento específico independentemente de se está dentro ou non da RPT, segundo explicou o concelleiro de Persoal, Diego Fernández.

O goberno local confía en poder pechar o documento nunha próxima reunión para sometelo aos pertinentes informes xurídicos e así propor o texto para a aprobación plenaria.

Ademais, tamén se está negociando a aprobación da oferta pública de emprego para a estabilización do emprego temporal, e cumprir o establecido na Lei 20/2021. Esta oferta extraordinaria afectará a 62 prazas que serán consolidadas, 61 delas mediante concurso, e a restantes mediante concurso-oposición.

Os acordos e as negociacións do goberno local cos sindicatos e os traballadores e traballadoras teñen como obxectivo a estabilidade laboral e a defensa dos seus dereitos en función da normativa vixente.