O presidente do Goberno remitiulle unha carta á alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, na que lle dá os parabéns a Betanzos polo seu 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre a Castro de Untia. O presidente, que estaba convidado os actos, desculpou a asistencia e na súa misiva quixo trasladar a súa felicitación persoal a todos os betanceiros e betanceiras pola histórica celebración.
“Son oito séculos de historia que non todas as cidades, mesmo grandes capitais do mundo, alcanzaron a cumprir. Nin sequera en Europa. Sodes memoria viva. Unha historia que se basea no título de liberdade outorgado en 1219, que permitiu aos primeiros poboadores asentarse no Castro de Untia”, comezaba o máximo dirixente do goberno de España a súa mensaxe.
Tamén quixo realizar un repaso histórico, indicando que “ao longo dos séculos,a vila de Betanzos distinguiuse polo carácter dos seus veciños e veciñas, forxado pola superación de grandes catástrofes, como os incendios que arrasaron a cidade, pero tamén concibido polos seus anhelos e os seus éxitos”.
En referencia á súa historia, Pedro Sánchez tamén apunta que “o universo concentrado no parque do Pasatempo, os fotogramas proxectados no cinema Alfonsetti e a historia impresa nas pedras de cada igrexa, palacio e torre do centro histórico, son o fiel reflexo da impoñente historia de Betanzos”.
Na carta, o presidente reflicte varias veces a idea principal, e é que “máis aló da historia, non hai cidades sen persoas, e iso é o máis grande que ten Betanzos, os seus veciños e veciñas”.
O máximo mandatario do Estado a nivel político quixo “animar a seguir sendo fieis ao carácter que vos distingue, pois ese orgullo de ser e espírito de superación é o que desde Betanzos, e na suma de todas as cidades, fará máis grande ao noso país. Hoxe, as cidades como Betanzos son máis necesarias que nunca, pois hoxe máis que nunca é necesario ese espazo de liberdade, de diálogo e de unión nun obxectivo en común para avanzar e progresar”.
Por último, para rubricar os seus parabéns, Pedro Sánchez convida á alcaldesa “e a todos os betanceiros e betanceiras a aproveitar este aniversario para tomar impulso e facer cada día unha Betanzos mellor”.