Con motivo da conmemoración do Día da Atención Temperá, os concellos de Betanzos, Oza-Cesuras e Paderne queren poñer en valor o traballo que se desenvolve a través do seu Servizo de Atención Temperá, un recurso fundamental para o apoio ao desenvolvemento infantil e o acompañamento ás familias.
O servizo, en funcionamento desde outubro de 2022, está integrado por un equipo multidisciplinar formado por dúas logopedas, unha psicóloga e unha terapeuta ocupacional, profesionais que traballan de maneira coordinada para ofrecer unha atención especializada ás crianzas de 0 a 6 anos e ás súas familias.
Desde a súa creación, o Servizo de Atención Temperá atendeu a un total de 153 nenos e nenas e ás súas familias, mantendo na actualidade a atención de 101 usuarios e usuarias. No que vai de ano 2026 realizáronse 1.531 sesións de atención directa, alcanzando un total de 9.838 sesións desde a posta en marcha do servizo.
A Atención Temperá constitúe un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar as crianzas no seu desenvolvemento.
Co fin de continuar achegando información útil ás familias, o Concello de Betanzos habilitou na súa páxina web un espazo específico dedicado á infancia e á crianza. Neste recuncho publícanse mensualmente contidos de interese relacionados co desenvolvemento infantil, a educación, a saúde emocional e outros aspectos relevantes para as familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.
As persoas interesadas poden acceder a este recurso premendo AQUÍ
Os tres concellos reafirman o seu compromiso coa atención temperá como ferramenta esencial para promover a igualdade de oportunidades, favorecer o desenvolvemento integral das crianzas e acompañar ás familias nesta etapa fundamental da vida.











