Betanzos acolleu esta fin de semana a XXXI Travesía Ría de Betanzos – Campionato Galego de Travesías 2026, unha destacada cita deportiva que reuniu a máis de 400 participantes procedentes de distintos puntos de Galicia.
A competición, organizada polo Club Piragüismo Ría de Betanzos coa colaboración do Concello de Betanzos, desenvolveuse coincidindo coa celebración das festas da Ribeira, converténdose nun dos eventos deportivos máis relevantes do calendario autonómico desta modalidade.
A proba congregou a deportistas de diferentes categorías, que competiron nunha xornada marcada polo bo ambiente, a elevada participación e o alto nivel deportivo amosado ao longo de todo o percorrido.
Durante a entrega de premios, o concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, felicitou ao Club Piragüismo Ría de Betanzos polos excelentes resultados acadados, así como polo importante labor desenvolvido na organización do evento. O edil destacou tamén a consolidación desta travesía como unha referencia do piragüismo galego e o seu valor para a promoción deportiva e turística da cidade.
Desde o Concello de Betanzos quérese trasladar o recoñecemento ao Club Piragüismo Ría de Betanzos polo seu compromiso e dedicación, así como agradecer a participación de todas as persoas deportistas, equipos, persoal voluntario e colaboradores que fixeron posible unha nova edición desta destacada cita deportiva.
Galería de imaxes
Galería fotográfica do evento, na que se recollen algúns dos momentos máis destacados da competición e da entrega de premios.











