O adestrador de fútbol betanceiro Óscar Gilsanz será o pregoeiro das festas de agosto de Betanzos segundo anunciou a alcaldesa, María Barral. O ex adestrador do Deportivo da Coruña aceptou a invitación do Concello para ser este ano o protagonista na apertura das festas patronais coa lectura do pregón o día 14.
María Barral agradeceu a Óscar Gilsanz que aceptase a invitación coa que tamén pretendemos render unha sincera homenaxe “a unha persoa que sabe, ademais, como betanceiro que é, o que significa e o valor que lle damos á figura de pregoeiro das festas”.
A alcaldesa foi quen comunicou a Gilsanz o desexo do Concello de contar coa súa presenza para protagonizar o pregón nun acto que tamén debe servir como recoñecemento público “ao traballo realizado polo adestrador betanceiro durante estes anos, especialmente, esta última tempada á fronte do Deportivo da Coruña”.
María Barral tamén deu a coñecer o pregoeiro infantil. Mario Silva Pérez, estudando do instituto Francisco Aguiar e integrante da Banda Municipal de Música de Betanzos será o encargado de dar lectura ao pregón o día 15 de agosto.












