Participación betanceira no Club de Debate Alingua, que reunirá 37 equipos de varios concellos galegos do 2 ao 6 de marzo

232

Anduriñas, Os debateiros, Rompentes, Itavero, Descartadas, Contracorrente, Ourizos Trasanqueses, Papagaios, Sofistas, Estoicos, Epicúreos… Son un total de 37 equipos, formados por alumnado de educación secundaria e bacharelato e procedentes de centros educativos de 13 concellos, os que compiten do 2 ao 6 de marzo por un lugar na gran final do Club de Debate Alingua.

Trátase de alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes, que integra equipos formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cunha persoa docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

 

 

O Club de Debate Alingua é unha iniciativa promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), para fomentar a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua e, do mesmo xeito, promover o uso oral do galego. Nesta edición de 2026 está apoiada polos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.

O pasado luns 2 de marzo, tivo lugar a fase clasificatoria de zona no Pazo da Cultura de Narón, ata onde se desprazou o equipo betanceiro, composto por alumnado de 1º de Bacharelato do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”: Iago Sanmartín Ríos, Leonardo Sturabotti Rivera, Marcos Parrado Lewis, Antón Moscoso Vaamonde, Sergio Abrodos Sobrino, Lucía Vecino García e María Rey González. Non conseguiron clasificarse para a fase final, pero esperamos que gozaran dunha xornada de convivencia e aprendizaxe en galego máis que satisfactoria. Desde o Concello de Betanzos queremos agradecerlles, tanto á rapazada como á súa formadora Esperanza Zapata, a súa ilusión e o seu esforzo neste proxecto. Sodes todo un exemplo!

Desde hoxe mércores e ata o venres, co apoio do concello de Rois, será o Campus Tecnolóxico Cortizo o que acollerá as seguintes tres xornadas de clasificación. Os equipos que resulten clasificados nestas fases clasificatorias de zona enfrontaranse na final o vindeiro 25 de abril.