A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Participación Cidadá, Ricardo Cheda, recibiu unha vintena de estudantes de bacharelato do colexio italiano Liceo de Colle Val d’Elsa – Toscana que estes días participan nun programa de intercambio europeo co instituto Francisco Aguiar.
Á recepción tamén acudiu o alumnado do instituto betanceiro, de terceiro de ESO, que a finais de abril viaxará unha semana a Italia.
A primeira edil deulle a benvida á rapazada e convidouna a gozar estes días da súa estancia na cidade, para animala a que a súa relación con Betanzos non quede só neste intercambio senón que nalgún momento da súa vida “poidan regresar, o que confirmará que levaron un magnífico recordo de Betanzos e das súas xentes”.











