Sesión de música infantil con Picadiscos Marifaltri para celebrar as Letras Galegas nos Sábados Miúdos

339

Este sábado 15 de maio ás 18:00 h na Aula de Cultura Xulio Cuns terá lugar unha sesión de música infantil con Picadiscos Marifaltri dentro do programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados Miúdos do Concello de Betanzos.

O espectáculo está destinado a nenos e nenas de 3 a 7 anos e as súas familias e ten unha duración de 60 minutos. A actividade ten 22 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dunha soa persoa adulta. O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.betanzos.gal (novas>sábados miúdos) entre o 10 e o 13 de maio de 2021 e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.

Os Sábados Miúdos achegan neste ano 2021 dez espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas, danza, xogos, música e lingua para desfrutar en familia. A próxima actuación será por conta da Laura Martínez Rey de Xanzá Movemento Ecocreativo cunha sesión de Danzacontos e historias en movemento o 19 de xuño na Sala de Usos Múltiples do edificio Arquivo.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

Picadiscos Marifaltri”

María Faltri é un dos novos nomes de referencia dentro da música infantil galega, a vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco chega agora cun espectáculo orixinal e sorprendente: Unha picadiscos de música infantil. Durante o seu espectáculo María brindaralle aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar. María ten tamén unha ampla experiencia no mundo da animación cultural, un ingrediente perfecto para que o público miúdo xogue, se divirta e…por qué non, aprenda as cancións da man dos libros da súa pequena biblioteca ambulante.