A exposición “CASTELAO GRAFISTA. Facsímiles” chega a Betanzos. Será presentada hoxe, día 15, ás 12:00 horas, por responsables de Abanca e Afundación e pola alcaldesa, María Barral, na sala de exposicións do edificio Liceo.
Trátase dunha mostra itinerante do ilustre rianxeiro que se celebra neste 2025, Ano Castelao.
O caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Buenos Aires, 1950) constitúe o foco desta exposición que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas.
Con este proxecto divúlgase a obra dun dos creadores e ideólogos galegos máis singulares, para que toda a poboación sexa coñecedora e goce das súas creacións e das súas importantes achegas á nosa historia máis recente.
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos cales 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así mesmo, expoñeranse 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Finalmente, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por el e 3 debuxos.












