A Policía Local detivo nas últimas horas a D.B.V., veciño de Betanzos, sobre o que recaía unha orde do Xulgado número 2 de Betanzos.
Os feitos producíronse na rúa Úrsula Meléndez de Texeda cando o detido, que contaba con numerosos antecedentes, tentaba cambiar a roda, picada, dun automóbil no medio da calzada.
A súa actitude sospeitosa provocou que un veciño alertase á Policía que se desprazou ata o lugar comprobando que o vehículo fora subtraído na Coruña nun descoido despois de que o seu propietario deixase as chaves postas no contacto. No momento da súa identificación a Policía detectou que D.B.V. tamén contaba cunha orde de detención do Xulgado de Betanzos.
A Garda Civil indaga agora se o detido puido ser responsable doutros feitos delituosos rexistrados na zona.










