
A adxudicación da reforma das actuais instalacións da Policía Local no centro histórico obrigarán a realizar o traslado das dependencias policiais, de forma provisional, a outro inmoble municipal. Neste caso será o edificio Liceo, onde xa comezaron os traballos de adaptación.
A Policía ocupará a zona que ata o de agora albergaba os servizos de urbanismo, que se manterán tamén no edificio Liceo pero na zona máis próxima á Alameda xunto a Obras. O resto de servizos de atención aos veciños mantéñense nas oficinas do Liceo.
Os traballos de adaptación incluirán a construción de vestiarios, oficinas de atención, despachos e armeiro. Será o paso intermedio como sede policial que, como anunciou no seu día o Concello, situarase nun futuro no antigo edificio de Sindicatos.
As actuais instalacións da Policía Local, no centro histórico, albergarán un futuro centro museístico por unha banda e o centro de información turística por outra. O proxecto completa a rehabilitación do inmoble coa idea de crear ese Centro de Información Turística (CIT) coa potenciación do coñecemento da cidade cunha zona documental museística permanente sobre o antigo Reino de Galicia que manteña o interese e visitas dos betanceiros/as e dos foráneos e espazos para conferencias ou charlas promovendo a actividade.
Precisamente, o Deputación e Concello asinaron hai unhas semanas un protocolo de intencións para a posta en marcha desta exposición que ten como obxectivo contribuír á difusión da historia e identidade de Galicia a través dunha instalación museográfica estable.
O acordo establece o compromiso do Concello en redactar e executar o proxecto de rehabilitación do edificio adaptándoo ás necesidades técnicas e espazos que require unha instalación expositiva permanente, garantindo así unha serie de espazos diáfanos e accesibles.
Xunto a esta parte museística, tamén se habilitará un espazo para os servizos turísticos, trasladando a estas instalacións a oficina municipal de Turismo, situada agora no edificio Liceo. Este espazo que agora ocupa a oficina formará parte dos accesos ao edificio Liceo.











