Acto de presentación do Anuario Brigantino 2024, número 47

461

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, asistiu á presentación do número 47 do Anuario Brigantino, correspondente ao 2024. Durante o acto, a primeira edil destacou que se trata dunha publicación que co paso do tempo se converteu “nunha referencia imprescindible para o coñecemento, a investigación e a divulgación da historia, do patrimonio e da identidade de Betanzos e da súa comarca”.

Agradeceu  ao director, Ángel Arcay, ao subdirector, Xosé María Veiga e a Daniel Teijeiro, secretario do comité científico,  así como ao amplo número de persoas que compoñen o comité  “o seu rigor, compromiso e continuidade no proxecto editorial que xa forma parte esencial da vida cultural da cidade”.

Lembrou que o Anuario non só é unha revista especializada e unha ferramenta de memoria colectiva, senón un espazo no que se atopan a investigación académica, o coñecemento local e a vontade de conservar e transmitir o noso legado a futuras xeracións.

Traballos como o dedicado aos “achados prehistóricos do Museo das Mariñas, os preitos dos Andrade, as minas da comarca, a microtoponimia, a propiedade urbana en Betanzos, o vínculo co mar, as festas patronais, a música, a historia da biblioteca municipal ou o legado do Pasatempo, mostran ata que punto este Anuario é un verdadeiro retrato plural da nosa historia e da nosa comunidade”.