Agosto cheo de actividade para o Club BTT Caimanes Betanzos

268
O mes de agosto deixou unha intensa programación deportiva da man do Club BTT Caimanes Betanzos, que un ano máis consolidou o seu compromiso coa promoción do ciclismo e o deporte de base na nosa comarca.


O pasado 3 de agosto celebrouse a tradicional Mini BTT, unha cita xa imprescindible no calendario estival betanceiro. Centos de rapaces e rapazas chegados de diferentes puntos da nosa comunidade déronse cita para gozar dunha auténtica festa do ciclismo, onde os máis pequenos foron os grandes protagonistas. A xornada completouse cunha animada festa da escuma, que puxo o broche final a un día redondo para deportistas e familias.



Tamén entre finais de xullo e comezos de agosto desenvolveuse o campamento deportivo organizado polo club, no que a bicicleta compartiu protagonismo con numerosas actividades lúdicas e formativas, ofrecendo aos nenos e nenas unha experiencia inesquecible de convivencia e deporte.



Cómpre salientar tamén o curso de iniciación ao BTT, unha proposta que o club leva organizando xa varios anos, con catro días de duración, pensado para achegar este deporte a quen quixera probar por primeira vez. A iniciativa, totalmente gratuíta, tivo unha gran acollida e deixou a todos os participantes encantados coa experiencia.



Outra das novidades deste verán foi un adestramento especial dende Betanzos ata Paderne, onde a Granxa Cagiao tiña preparada unha visita para os pequenos Caimanes. A experiencia permitiulles coñecer de preto o mundo rural, desfrutar da natureza e vivir unha xornada diferente que uniu deporte, aprendizaxe e diversión.



De cara ao futuro, o Club BTT Caimanes Betanzos xa prepara o novo curso da súa Escola de BTT, que arrincará no mes de outubro. Todas as persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo electrónico [email protected].


Un verán, en definitiva, marcado pola ilusión, o deporte e a convivencia, que reforza o papel do club como referente do BTT na comarca e na comunidade galega.