Betanzos abre un paquete de axudas para vivenda e compra de equipos informáticos para familias afectadas economicamente pola Covid

631

Concello abriu o prazo de solicitudes de axudas ao pagamento da vivenda habitual e outra para a compra de equipos informáticos con fins educativos, dentro do plan municipal de axudas pola Covid.  As bases están publicadas na paxina web do Concello www.concello.betanzos.gal logo dun minucioso traballo dos Servizos Sociais municipais, da Intervención municipal e da Secretaría municipal.

O programa de axudas conta coa participación do Concello e da Deputación a través do Plan Provincial POS+ADICIONAL para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

O plan conta cun importe total de 151 230 euros no que se recollían, entre outras, unha partida para garantir ingresos suficientes ás persoas soas ou familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social, con baixos o nulos ingresos económicos, mediante axudas económicas para asegurar a cobertura das necesidades básicas e, por outra banda, unha partida dirixida a axudas a familias para gastos que faciliten a escolarización, material informático, acceso aos medios dixitais valoradas polos profesionais dos Servizos Sociais comunitarios.

Así, concederanse axudas por  82 500 euros para o pagamento da vivenda habitual, dirixidas ás persoas inquilinas dun contrato de alugamento ou dun préstamo hipotecario dunha vivenda situada en Betanzos coa finalidade de contribuír a minimizar o impacto económico e social da Covid-19 nas familias máis vulnerables.

A contía destas axudas será de ata 300 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder do importe da renda do contrato ou da mensualidade do préstamo hipotecario e concederase durante un período máximo de catro meses, podendo ter efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro do 2021.

Canto aos equipos informáticos, resérvanse 50 000 euros en axudas  dirixidas a familias do municipio afectadas pola Covid-19, con fillos e fillas matriculadas en centros educativos da localidade nos que se imparta ensino de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial, de centros docentes da localidade sostidos con fondos públicos para financiar a adquisición de dispositivos dixitais (ordenadores portátiles, ordenadores de sobremesa) necesarios para seguir unha docencia en liña, coa finalidade de que ese acceso sexa equitativo e igualitario.

A contía das axudas serán de 800 euros por unidade familiar que reúna os requisitos establecidos, co límite do custe do dispositivo dixital, de xeito que en ningún caso poderá concederse unha axuda por importe superior ao prezo do equipo informático que se subvenciona.

Ademais destas dúas liñas, o Concello destinou o resto dos cartos, ata completar os 151 000 euros, para fortalecer o servizo básico de axuda a domicilio, é dicir, o que leva directamente o Concello a través  dos Servizos Sociais e que non inclúe a persoas dependentes.

Esta liña de axudas permitiu eliminar a lista de agarda que existía. Tamén se reservou unha partida para a adquisición de material de prevención con destino a profesionais de Servizos Sociais e persoas usuarias de los distintos programas.