Betanzos saca a contratación as obras para recuperar as fachadas e cuberta da coñecida como Casa Gótica

311
Número 5 da rúa da Cerca,, a coñecida como Casa Gótica.

O Concello acaba de licitar as obras para a reconstrución do envolvente exterior do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica. Trátase da actuación coa que o goberno local pretende recuperar de forma definitiva a Casa Gótica logo de anos de trámites administrativos e expedientes sancionadores. “É, sen dúbida, o paso que tiñamos que dar para recuperar un patrimonio importante para Betanzos, un dos símbolos do centro histórico que a punto estivo de desaparecer”, explica a alcaldesa, María Barral.

O proxecto, para o que o consistorio reservou 125 000 euros dos remanentes de 2020,  inclúe a recuperación das fachadas e a cuberta e será contratado de forma subsidiaria xa que o custo se lle reclamará ao propietario.

A primeira edil lembrou que a área de Urbanismo tomou a decisión de efectuar estes traballos despois de tentar negociar coa propiedade un acordo para a adquisición do inmoble para o que houbo un principio de acordo mais, finalmente, no momento de pechalo “botouse de novo atrás”.

Así as cousas, a postura da Concellería de Urbanismo,  é clara en canto á súa “intención de que esta construción se recupere”, co que aos gastos do proxecto e das obras e dos traballos xa realizados polo Concello de estabilización do único muro que quedaba á casa, que se realizaron hai unhas semanas e cuxo custo alcanzou os 22 000 euros; hai que sumarlle a sanción de 6000 euros que aínda ten pendente.

Todo  iso “seguirá o curso administrativo, cos procedementos abertos”, explica o edil de Urbanismo, Andrés Hermida, que lamenta “a pouca ou nula vontade do propietario para negociar a venda a un xustiprezo. Temos un soar abandonado, cunha serie de actuacións que se realizaron da forma que foron e a pesar diso segue sen querer chegar a un acordo cando a intención do Concello é, simplemente, recuperar, primeiro un símbolo da zona, como é a Casa Gótica, para uso público”.

Andrés Hermida lembrou a obriga que lle impón a Lei de patrimonio cultural de Galicia ás persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias, de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia, como é o caso, de “conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.