Betanzos aproba no Pleno, de forma inicial, o primeiro PXOM da súa historia

587

Betanzos aprobou o mércores 15, de maneira inicial o Plan xeral de ordenación municipal.

Un Plan, o primeiro co que contará Betanzos, que terá como obxectivos:

  • Dotar ao municipio de condicións axeitadas para que poida desenvolver o papel que lle asignan as Directrices de ordenación do territorio, en relación directa coa cidade da Coruña como subcentro e da ampla comarca á que serve, como cidade intermedia na rexión urbana ártabra.
  • Mellorar as infraestruturas de transporte no marco comarcal e rexional, e así garantir a óptima funcionalidade e manter as boas condicións de accesibilidade coas que conta o municipio.
  • Identificar os centros urbanos secundarios, directamente vinculados coas infraestruturas de transporte e o polígono industrial de Piadela, para reforzar a súa estrutura e nivel de servizos.
  • Delimitar axeitadamente o rico sistema de asentamentos xa implantados no municipio cunha caracterización como núcleos rurais, con capacidade suficiente para afianzar a fixación de poboación neles e abordar a recuperación ambiental e a especialización territorial de Betanzos no marco, das políticas de desenvolvemento, coa posta en valor do singular patrimonio cultural e a preservación dos valores naturais que no seu día motivaron a inclusión da ría e das Terras de Mandeo na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

Unha vez aprobado inicialmente abrirase un período de información pública durante dous meses, mediante anuncio no taboleiro de edictos do Concello, e no Diario Oficial de Galicia Ademais suspenderanse a tramitación e o outorgamento das seguintes licenzas nas áreas afectadas pola aprobación do Plan xeral de ordenación municipal que supoñen unha transformación do réxime urbanístico vixente.

O edil de Urbanismo, Andrés Hermida, indicou que o proxecto é o mesmo no que traballou o goberno local durante o pasado mandato e do que informou aos distintos grupos políticos municipais que tamén achegaron as súas propostas. Dende hai dous meses, o documento está en poder dos grupos políticos polo tanto con tempo suficiente para o seu estudo, ademais das reunións que se celebraron co equipo redactor onde puideron expoñer calquera cuestión.

O documento prevé 2210 novas vivendas en solo urbano (1339 en urbano consolidado, 711 en non consolidado, ás que hai que sumar 160 de ámbitos que contan con plan subsistente). A estas 2210 novas vivendas no solo urbano, o documento amplía esta cantidade con 177 novas vivendas en urbanizable. En núcleo rural mantéñense sen apenas variación. Exponse unha capacidade teórica de ata 892 vivendas. En total, Betanzos prevé un límite de 3279 novas vivendas no período de vixencia do PXOM. A empresa que desenvolve os traballos é Oficina de Plan S.A. Uno dos aspectos que se tivo en conta, ademais do económico, á hora de adxudicar os traballos técnicos foi a duración destes.

O prego de condicións prevía un tempo de 30 meses, unha duración que se establece como resultado de sumar o tempo de traballo que se prevé poida levar cada unha das fases de elaboración do documento. Neste sentido, a eses meses haberá que sumar tamén o tempo que poida haber entre fase e fase e o que “as administracións dediquen ás tramitacións que sexan das súas competencias”. En calquera caso, o PXOM non estará finalizado ata mediados de 2022.