Betanzos actualiza o orzamento para a reconstrución da Casa Gótica

238

A subida dos materiais influíu para que ningunha empresa se presentase ao concurso. O persoal técnico fixou agora o orzamento en 190 000 euros, 65 000 máis que no anterior proceso.

O Concello reformará o proxecto para a reconstrución do envolvente exterior do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica, despois de que a licitación quedara deserta. O importe fixado no seu momento polo equipo redactor do proxecto foi de 125 000 euros, con todo, a suba do custo dos materiais fixo que ningunha empresa se presentase ao concurso. O concelleiro de Urbanismo e Centro histórico, Andrés Hermida, explicou hoxe que desde a súa concellaría se lle pediu ao equipo redactor “unha actualización dos prezos” tendo en conta desa importante suba en materiais. Ese incremento, segundo o edil, fixouse nunha subida do orzamento de licitación ata os 190 000 euros, que serán contemplados nos orzamentos municipais do previstos para este exercicio.

Número 5 da rúa da Cerca,, a coñecida como Casa Gótica.

“A idea agora é sacar de novo, canto antes, as obras a licitación e poder iniciar a execución dos traballos”, indicou Andrés Hermida. Trátase da actuación coa que o goberno local pretende recuperar de forma definitiva a “Gótica” despois de anos de trámites administrativos e expedientes sancionadores. “É, sen dúbida, o paso que tiñamos que dar para recuperar un patrimonio importante para Betanzos, un dos símbolos do centro histórico que a punto estivo de desaparecer”, engadiu a alcaldesa, María Barral. O proxecto inclúe a recuperación das fachadas e a cuberta e será contratado de forma subsidiaria xa que o custo se lle reclamará ao propietario.

A primeira edil lembrou que a área de Urbanismo tomou a decisión de efectuar estes traballos despois de tentar negociar coa propiedade un acordo para a adquisición do inmoble para o que houbo un principio de acordo pero, finalmente, no momento de plasmalo “botouse de novo atrás”.

Así as cousas, a postura da Concellería de Urbanismo,  foi clara en canto á súa “intención de que esta construción se recupere”, co que aos gastos do proxecto e das obras, e dos traballos xa realizados polo Concello de estabilización do único muro que quedaba á casa, executados hai uns meses, cuxo custo alcanzou os 22 000 euros; súmase tamén a sanción de 6000 euros que aínda ten pendente.

Todo  iso “seguirá o curso administrativo, cos procedementos abertos”, explica  Andrés Hermida,  quen lamenta “a pouca ou nula vontade do propietario a negociar a venda a un xustiprezo. Temos un soar abandonado, cunha serie de actuacións que foron realizadas da forma que foron e a pesar diso segue sen querer chegar a un acordo cando a intención do Concello é, simplemente, recuperar, primeiro un símbolo da zona, como é a Casa Gótica, para uso público”.

Andrés Hermida lembrou a obrigación que lle impón a Lei de patrimonio cultural de Galicia ás persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias, de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia, como é o caso, de “conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.