Betanzos aproba en Pleno a renovación de rúas e viarios municipais dentro do Plan Único

249

Betanzos aprobou o pasado xoves 10 de febreiro no Pleno extraordinario a súa participación no POS+2022 de cooperación das obras e servizos competencia municipal, así como no Plan Complementario e no POS Social. Nas propostas que Betanzos incluirá en todos estes programas, que serán financiados pola Deputación e o propio Concello, “executaranse proxectos de suma importancia desde o punto de vista das infraestruturas, os equipamentos e servizos”.

 

Entre eles, no Plan Único incluiranse tres proxectos cun investimento total de 517.625 euros dos que o Concello achegará algo máis de 130 000 euros. Trátase da mellora da urbanización e dos servizos das rúas Xudeus e Cruz Verde cun orzamento de 271 532 euros; o acondicionamento de viarios municipais en Caraña e A Veiga, por 180 849 euros e a renovación do pavimento na avenida García Naveira cun custo de 65 243 euros. Deste grupo de obras destaca o acondicionamento de viarios na Veiga, a segunda proposta máis valorada no programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local que agora executará a través do Plan Único. A primeira proposta deses orzamentos participativos foi o proxecto de mellora do campo de fútbol do Carregal que o goberno local  ten previsto incluír no Orzamento municipal deste ano.

 

A maiores do Plan Único, a alcaldesa indicou que tamén se proporán as actuacións a incluír no Plan Complementario 2022 no que se prevén investimentos financeiramente sustentables. Entre elas, figura a mellora da urbanización e renovación de servizos na rúa Doutor Fariña e profesor José Antonio Míguez na que se investirá máis de 409 000 euros.

 

Ademais, destinaranse outros 259 153 euros para a rehabilitación e impermeabilización da praza do Emigrante, que incluirá, ademais, a súa humanización coa colocación, por exemplo, de xogos infantís. Na relación de proxectos que o Concello ten intención de acometer figura tamén a mellora  da urbanización e servizos da rúa Alcalde López Datorre; a urbanización das rúas do Grupo Brigantium e Manuel María, dentro do proxecto de mellora integral do barrio da Ribeira; a reurbanización e cambio de redes de servizos na avenida do Carregal, que incluirá tamén unha transformación urbanística desta avenida e a renovación do parque Pablo Iglesias.

 

Por último, seguindo a mesma liña do POS Social do pasado ano, o goberno local volverá apostar por manter diversos programas de axuda no ámbito da dotación de equipos informáticos para loitar contra a fenda dixital e para o alugueiro de vivendas.