A alcaldesa, María Barral, xunto ao director do Museo das Mariñas, Ángel Arcay, e a ilustradora Iria Fafián presentaron o cómic Mulleres artistas no Museo das Mariñas, dentro dos actos de programación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Con esta publicación preténdese dar a coñecer algunhas das mulleres artistas que pasaron pola cidade e das que existe obra no Museo das Mariñas. Así, dunha maneira didáctica e amena, a través deste cómic o Museo busca rescatar da invisibilidade algunhas das mulleres que, de maneira profesional ou afeccionada, dedicaron parte do seu tempo á creación artística no Betanzos do século XX.
A primeira edil explicou que ata non hai moito, quen visitase un museo podía pensar que practicamente todas as obras de arte eran de autoría masculina, relegando as mulleres á invisibilidade. Cando nas visitas escolares o persoal do Museo lles preguntaba aos nenos e nenas que facían a visita por nomes de mulleres pintoras a resposta máis habitual era “Rosalía de Castro”. É a raíz diso, desde o Museo das Mariñas “trataron de facer un museo máis equitativo e igualitario, no que tanto homes coma mulleres tivesen cabida polas súas cualidades artísticas” polo que “aí estivo o inicio de Mulleres artistas no Museo das Mariñas”.
O que se conta nunhas poucas páxinas foi un traballo de varios anos, de investigacións, de entrevistas, de mergullarse en hemerotecas e de vivir coa incerteza de non saber se se descubriría algo máis sobre as mulleres anónimas que pasaron pola cidade. O cómic fai referencia a seis mulleres que teñen obra no Museo: Elvira Santiso, Teófila Sasiaín Martínez, María Goday y Goday, Rosina Martínez Barral, Olimpia Tourné e Sofía Feliú Toledano.
Ademais, dedica un capítulo a nenas de Betanzos que en 1996 participaron nun curso de debuxo e pintura organizado polo Concello e que, curiosamente, algunhas delas hoxe son artistas en activo como a propia autora do cómic Iria Fafián, ou Carmen Seijas, que ten o seu taller en Betanzos; Isabel Durá, ex alumna do CIEC, ou Julia Aguiar, que dá clases de pintura na cidade.
“E a posibilidade de recompilar a información que se presenta no cómic débese á colaboración dun grupo de amigas: a Ermitas Rodríguez, traballadora do Museo das Mariñas, Carmen Delia Díaz, que chegou a Betanzos como alumna en prácticas do ciclo de Guía, Información e Asistencia Turísticas do IES Río Cabe de Monforte; a Paz Moreno, pola súa axuda desinteresada e pola súa cooperación constante co museo ao descubrirnos a figura da súa nai; a María América Díaz, traballadora durante un tempo do Museo das Mariñas; a Antía Arcay, Olivia Barbero, Alicia Maneiro e Irene Paredes, alumnas en prácticas do Mestrado de Estudos Avanzados de Bibliotecas, Arquivos e Museos; a Sara Fraga, colaboradora habitual do Museo das Mariñas; a Eugenia Tenenbaum, por ser inspiración; a Natalia Buyo, Juan María García, Carmen Vidal, María Porto, Victoria Penide e Markus Hoffmann, porque coa súa xenerosidade permitiron engadir máis pezas a este quebracabezas aínda incompleto”, indicou o director do Museo, Ángel Arcay, durante a presentación.











