Betanzos celebrou, o pasado luns, día 18, outro dos seus días grandes das festas: a primeira xira de Os Caneiros. Desde as doce do mediodía comezaron a “desfilar” polo Mandeo as embarcacións cara ao campo de Os Caneiros coa animación das charangas “NBA” e “DXT”.
No propio campo a animación correu a cargo de Dj Sebas e tamén a propia Charanga NBA. Ao regreso da romaría, verbena a cargo da orquestra New York na praza García Irmáns.
Este primeira xira a Os Caneiros contou cun dispositivo especial de seguridade composto por máis dun centenar de persoas entre voluntarios de Protección Civil de Betanzos e diversos concellos da comarca, Cruz Vermella, Policía Local, Garda Civil e persoal dos servizos municipais. Ademais da postos base de urxencias que se estableceron no paseo da Tolerancia e no campo de Os Caneiros, varias zodiac de Protección Civil percorrerán o río en labores de vixilancia. Controlaronse, de forma especial, a venda de bebidas alcohólicas a menores e prohibirase a navegación polo río de motos acuáticas, contra as que tamén se exercerá un control rigoroso.
O Concello volveu insistir en distintas mensaxes “de concienciación” para conservar a tradición. A alcaldesa, María Barral Varela, fixo un chamamento aos participantes aos que pediu “respecto cara aos demais” e que cada un deles “tome conciencia do carácter desta centenaria romaría”. Valorou as achegas que neste sentido están a facer distintos colectivos de Betanzos e a mensaxe unánime en defensa da festa tradicional e de respecto á propia romaría avalado por todos os grupos políticos municipais.
Nesa liña de concienciación, o Concello repartiu un díptico no que se reproduce un texto asinado polos grupos políticos con representación municipal e as medidas de seguridade que deben tomarse para participar na xira, especialmente, para os que o fan a través de embarcacións.
O Concello participou de forma institucional a través da Diana Cazadora na que viaxaron a alcaldesa, representantes da Corporación, así como a comitiva do Representante das Festas, ademais do pregoeiro. Partiron ás cinco da tarde desde o Paseo da Tolerancia para regresar sobre as once e chegar aos lumes acuáticos na Ponte Vella cos que se pechou a xira.
Houbo tamén un Punto Violeta na entrada a Os Caneiros co obxectivo de implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, facilitando información de como actuar ante un caso deste tipo. Será un espazo de atención, información e axuda a vítimas, ao mesmo tempo que sensibiliza ante a sociedade a loita contras as agresións sexistas nas festas. Pola noite haberá outro punto violeta na praza García Naveira.











