Betanzos conta cunha base náutica para actividades ecoturísticas na Tolerancia impulsada polo Concello e a Reserva da Biosfera a través de fondos europeos

242

A alcaldesa, María Barral, inaugurou a base náutica de actividades ecoturísticas e a instalación dun novo pantalán no río Mandeo dentro do plan de sostenibilidad turística impulsado polo Concello e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas a través dos Fondos Next Generation.

A actuación supoxo unha inversión de máis de 345.000 euros, entre os 243.000 euros destinados á base náutica e os 102.850 euros do pantalán.

Durante o acto, que contou coa presenza do Delegado do Goberno, Pedro Blanco; a delegada da Xunta, Belén do Campo; e o presidente da Reserva da Biosfera, José Antonio Santiso, a alcaldesa destacou que a base é “un novo equipamento que, máis alá do seu valor material, simboliza algo moito máis profundo: a recuperación e o fortalecemento do vínculo histórico de Betanzos cos seus ríos e coa súa ría”.

Indicou que “Betanzos non se entende sen a auga. O Mandeo e o Mendo forman parte da nosa identidade colectiva, da nosa paisaxe emocional e da nosa historia. Foron durante séculos vías de vida, de traballo, de comunicación e tamén espazos de convivencia. A ría de Betanzos, ademais, foi e segue sendo un elemento central do noso territorio, un lugar onde se atopan natureza, cultura e actividade humana”.

A primeira edil destacou que o proxecto nace coa vocación de ser un espazo aberto á cidadanía, un punto de encontro entre Betanzos e o seu entorno natural. “Un lugar desde o que achegarse ao río, coñecelo mellor e desfrutalo a través de actividades que fomentan o respecto polo medio ambiente. Non falamos só de ocio, falamos tamén de educación, de sensibilización e de creación dunha conciencia colectiva arredor do valor do noso patrimonio natural”, sentenciou.

María Barral suliñou que máis  alá das cifras do proxecto, con ese  investimento total de máis de 345.000 euros, hai que poñer en valor como se fixo, apostando por solucións sostibles, por materiais integrados na paisaxe, por unha mellora ambiental da contorna, substituíndo superficies duras por espazos verdes, introducindo vexetación autóctona e creando unha transición máis amable entre a cidade e o río. “É dicir, non só se constrúe un equipamento, senón que se mellora o espazo no que se integra”.

Destacou por último a importancia da colaboración institucional que fixo posible este proxecto. O traballo conxunto coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e o apoio dos fondos europeos “demostran que, cando hai cooperación e visión compartida, é posible levar adiante iniciativas transformadoras como esta”.

Concluiu facendo unha invitación porque a  base náutica contribue a elo, “invita a redescubrir o río, a vivilo, a coidalo e a sentilo como algo propio. Porque só aquilo que coñecemos e valoramos somos capaces de protexelo”.