O Concello de Betanzos inicia unha actuación integral de limpeza e desbroce no tramo urbán do río Mendo

359
Actuación integral de limpeza e desbroce do río Mendo

O Concello de Betanzos está a levar a cabo unha actuación integral de limpeza e desbroce do río Mendo ao seu paso polo casco urbano co obxectivo de mellorar a seguridade, a capacidade de drenaxe do cauce e a recuperación ambiental deste espazo.

Os traballos, xa en marcha, están a desenvolverse en dúas fases diferenciadas. A primeira céntrase no tramo comprendido entre As Cascas e a ponte do Carregal, mentres que nunha segunda fase se actuará desde este punto ata a ponte de madeira e a Tolereancia, completando así a intervención no ámbito urbano do río.

Tal e como se pode comprobar na actuación en execución, os labores inclúen a retirada de árbores caídas e restos vexetais acumulados no leito do río, así como o corte e poda de exemplares situados nas marxes que presentaban risco de caída ou que dificultaban o paso da auga. Ademais, estanse a realizar tarefas de limpeza intensiva da vexetación, tanto nas beiras como no propio cauce, eliminando acumulacións que, co paso do tempo, estaban a reducir a sección útil do río.

Os traballos tamén inclúen o acondicionamento das marxes, con actuacións manuais e mecánicas —incluído o uso de maquinaria específica— para retirar troncos de gran tamaño e restos arrastrados polas crecidas. Estas acumulacións supuñían un obstáculo importante para o fluxo da auga, incrementando o risco de atascos e de posibles desbordamentos en episodios de fortes choivas.

Desde o Concello subliñan que se trata dunha intervención “necesaria e moi demandada”, xa que durante anos non se levaran a cabo traballos desta intensidade neste tramo do río. A acumulación progresiva de vexetación e madeira morta provocara unha situación que facía imprescindible unha actuación en profundidade.

O obxectivo principal é mellorar a capacidade do río Mendo, facilitando a circulación da auga e reducindo o risco de inundacións en zonas próximas ao cauce. Ao mesmo tempo, búscase incrementar a seguridade na contorna, evitando a caída de árbores ou ramas de gran tamaño e mellorando a accesibilidade para futuras tarefas de mantemento.

Ademais do compoñente de seguridade, esta actuación contribúe á mellora ambiental do río, favorecendo a súa recuperación e integración no tecido urbano. A eliminación de especies invasoras e a xestión controlada da vexetación permitirá un desenvolvemento máis equilibrado do ecosistema fluvial.

O goberno local destaca a colaboración con Augas de Galicia para poder levar a cabo esta intervención e avanza que a intención é dar continuidade a este tipo de actuacións de mantemento de forma periódica, co fin de evitar que se repitan situacións de acumulación e deterioro como as detectadas.