Betanzos contratará para o próximos catro anos un servizo de mantemento das zonas verdes, arboledo e xardineiras do todo o municipio.
O goberno local aprobou na súa última xunta sacar a contratación o servizo que prevé un custo anual de 343.000 euros. Trátase dun servizo que vén realizando ata a agora mediante contratas de servizos cuxas prestacións eran complementadas con operarios municipais non especializados.
A partir do estudo e valoración dos datos proporcionados pola experiencia dos últimos anos na conservación da infraestrutura verde municipal, e incluíndo as novidades normativas, administrativas, tecnolóxicas e de xestión, levou a cabo unha revisión do servizo para integrar no mesmo diversos labores que viñan realizando de forma independente. Isto tradúcese na incorporación ao servizo xeral de mantemento todos os espazos axardinados municipais, as dotacións verdes de colexios de educación infantil e primaria, o arboledo viario, as xardineiras, e parte dos espazos verdes non ordenados anexos a zonas verdes ou deportivas, tanto no núcleo urbano de Betanzos como nas parroquias rurais .
Os espazos verdes de conservación son os parques urbanos, zonas axardinadas, arboledo viario, xardineiras, zonas verdes dos colexios públicos, espazos verdes viarios (medianas e rotondas), zonas verdes axardinadas en núcleos rurais e demais zonas municipais dotadas e habilitadas como espazos verdes, ademais da área canina situada xunto ao Parque Pablo Iglesias.
En consecuencia, os elementos que se inclúen no contrato serán: praderías de céspede, árbores, arbustos, vivaces, setos, macizos de flor, macizos arbustivos, camiños de áridos, redes de rega e mecanismos eléctricos, de comunicación e informáticos das redes de rega e de xestión da información. Na parte baixa do Parque do Pasatempo engádense, ademais, a limpeza dos camiños pavimentados e as láminas de auga.
Ademais dos traballos de mantemento periódicos, inclúense neste servizo labores de reposición de planta de tempada nos macizos de flor xa existentes e en xardineiras (incluído a subministración da planta), así como os de substitución de marras de elementos vexetais nas xardineiras, nos macizos de planta e arbustos localizados nas zonas verdes obxecto de contrato e de ata 15 unidades de árbores cada ano de contrato (ben para substituír marras ou para novas plantacións). A subministración destes elementos correrá por conta do Concello, sempre que a súa deterioración non se debeu a un deficiente mantemento por parte do adxudicatario.
En total deberanse de conservar e manter en función da súa tipoloxía aproximadamente 82.377 metros cadrados de espazos verdes. Deles, 76.189 m2 atópanse dentro do núcleo urbano de Betanzos e 6.188 m2 nas parroquias. Exclúense deste contrato os 6.621 m2 da zona alta do Parque do Pasatempo que irán incluídos no seu Plan Director específico.
Ademais, conservaranse tamén, en función da súa tipoloxía, ao redor de 1.850 árbores en zonas axardinadas e en alcorque viario. Hai uns 615 exemplares que necesitan actualmente dunha poda anual, cifra que se prevé reducir a curto/ medio prazo mediante a execución de diferentes actuacións de recuperación ou de substitución.
Inclúense tamén a conservación ao redor de 465 xardineiras de distintos tipos. A natureza e características de cada un destes elementos obxecto de conservación queda descrita nos anexos, tanto na súa localización como na súa extensión e límites.










