A Xunta Local de goberno aprobou o pasado 15 de maio, nunha reunión extraordinaria, a licenza de obra para a reforma do colexio Vales Villamarín unha vez completados os trámites por parte da Xunta.
A alcaldesa, María Barral, espera agora que tal e como se concretou con responsables de Educación os traballos comecen canto antes aproveitando as vacacións estivais e poidan estar finalizados para o inicio do curso escolar.
A primeira edil indicou que se trata dunha obra moi esperada, desde hai anos, que completará a reforma dun centro referente como é o Vales Villamarín e que evitará que dentro do mesmo colexio siga habendo, en función da localización da aula, siga habendo “alumnos de primeira e alumnos de segunda. A actuación era necesaria e tería que executarse hai anos”.
Explicou que ao proxecto presentado pola Xunta fixéronse algunhas observacións, pero que non cabe dúbida de que “será un antes e un despois para un colexio no que estudan preto dun milleiro de alumnos”.
Entre as melloras previstas atópase o illamento térmico das fachadas mediante o sistema SATE e a substitución completa de xanelas, que serán de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento.
As persianas tamén serán substituídas por modelos con lamas de aluminio e illamento de poliuretano para unha maior eficiencia.
No interior, instalaranse falsos teitos registrables en aulas, comedor e salas de usos múltiples, mentres que nos almacéns e oficinas do comedor colocaranse teitos con acabado vinílico para facilitar a limpeza. Ademais, todas as luminarias serán substituídas por modelos de alta eficiencia enerxética.
Outras actuacións inclúen a reorganización da biblioteca, o comedor e a sala de usos múltiples para optimizar os espazos, dada a imposibilidade técnica de ampliar os espazos de construción, indicou a alcaldesa.











