Betanzos defende publicamente a Carlos Arévalo á hora de esixir á Federación Española de Piragüismo a súa participación no Mundial de Milán en K1 200

A partir do xoves iniciará unha campaña de recollida de firmas en favor do medallista olímpico betanceiro a quen lle avala os bronces na Copa do Mundo de Szeged e no campeanato de Europa de Racice

762

A alcaldesa, María Barral, mostrou o seu “malestar” pola decisión da Real Federación Española de Piragüismo de retirar  a praza no K1 200 para o Mundial de Milán ao medalla olímpica e fillo predilecto de Betanzos, Carlos Arévalo, nunha decisión que para a primeira edil resulta de xeito evidente “inexplicable” .

Barral lembrou que o deportista betanceiro gañou a súa praza para estar no K1 200 en Milán “lexitimamente tanto na proba de Copa do Mundo disputada en Szeged como no campionato de Europa de Racice, onde, en ambas, obtivo medalla de bronce, uns  resultados que lle fan merecedor de competir en Milán” .

Barral dirixirase á Federación Española de Piragüismo para solicitar unha rectificación urxente na decisión tomada de maneira unilateral por ser  “inconsistente” á vista dos resultados obtidos polo medallista betanceiro que avalan a súa participación no Mundial de Milán en K1 200 a maiores da que teña no K4 500. “Está a tomarse unha decisión, sen fundamento, que afecta directamente á carreira dun deportista que fixo todo o que estaba na súa man para estar nesa proba individual. Parece, claramente, que aquí importa pouco o esforzo que fagas e que a decisión responde a argumentos que  non se sosteñen, como ben explicou o propio Carlos Arévalo”.

Ademais de pedir que a Federación Española reconsidere a súa postura, o Concello poñerá en marcha, a partir do próximo xoves,  unha recollida de firmas nas oficinas municipais en apoio a Carlos Arévalo e para esixir, ao mesmo tempo, un cambio de postura a quen está tomando esta decisión por parte da Federación.