Betanzos denunciará no Xulgado unha vertedura detectada a pasada noite no río Mendo

150

O Concello presentará unha denuncia ante o xulgado para que investigue unha vertedura que se produciu a pasada noite ao río Mendo que foi detectado polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga.

O forte “cheiro fecal” e a cor da auga fixeron que os responsables do servizo se desprazasen río arriba durante a noite para intentar dar coa orixe da vertedura. Segundo puideron constatar, e así se reflectirá no seu informe, tanto o cheiro como a turbidez da auga prolongábase río arriba ata a zona coñecida como Ponte dos Cabalos, no límite entre Coirós e Oza-Cesuras.

Os feitos puxéronse inmediatamente en coñecemento do Concello e do Seprona por parte dos servizos da empresa concesionaria.

Axentes da Policía Local desprazáronse xunto con membros de Viaqua ata a zona de captación onde aínda era visible a vertedura para continuar río arriba, ata o límite do Concello de Betanzos para emitir un informe/denuncia sobre a situación.

Ese informe, xunto co que elabore a empresa do sucedido esta mesma noite, e fotografías e vídeo, ademais da analíticas da auga, de tomas realizadas durante a noite de onte e esta mañá, que xa foron enviadas a laboratorio, serán achegadas na denuncia por parte do Concello para que se abra unha investigación xudicial.

A maiores desta denuncia, o Concello porá en coñecemento de Augas de Galicia e o Seprona toda a información que lle trasladará ao Xulgado.

Ademais, o Seprona tomou mostras no río do mesmo xeito que o departamento de Control de Verteduras de Augas de Galicia.

A alcaldesa en funcións, María Barral, explicou que o Concello chegará “ata o final” neste asunto que “aínda que nestes momentos se descoñece se pode ter ou non relación co episodio que está a vivir Betanzos, queremos que se investigue o que, ante todo, é un novo atentado, como mínimo,  contra o medio ambiente”.