Betanzos esixe á Subdelegación do Goberno unha solución urxente aos problemas nos servizos de atención á cidadanía que ten a Oficina da Seguridade Social da cidade e que fai que moita da veciñanza de Betanzos e da comarca teña que desprazarse a outros lugares para ser atendida.
Así o anuncioua alcaldesa, María Barral, quen explicou que sobre esta cuestión xa mantivo encontros coa anterior subdelegada do Goberno, quen se comprometeu a buscar solucións, e tamén o fixo co novo subdelegado, con quen, ademais, manterá unha reunión nuns días. “Cando falei co novo subdelegado, Julio Abalde, aos poucos días do seu nomeamento expliqueille a situación da oficina e os problemas que se producen. Nuns días volveremos vernos para tratar de novo o asunto”.
A primeira edil indicou que despois de denunciar a situación á anterior subdelegada “mellorouse, aparentemente, o servizo, pero esa mellora apenas durou uns días”. Os problemas pasan pola falta de persoal na oficina. “Desde a pandemia non volveu funcionar con total normalidade”.
A explicación aos problemas de falta de persoal pasa porque “hai unha serie de baixas de longa duración e persoas con sistema de teletraballo que fan que moitos días non poida ofrecerse unha atención presencial”. Aínda entendendo os dereitos dos traballadores e as traballadoras “esiximos unha solución porque o que padece a veciñanza é, de xeito evidente, imprescindible “.
O Concello considera que “os veciños e veciñas de Betanzos e a comarca, que dispoñen dunha Oficina no centro da cidade, non teñen por que desprazarse á Coruña, Melide ou Ferrol para faceren xestións presenciais como está a ocorrer agora mesmo. Betanzos vai esixir o que lle corresponde sexa a administración que sexa da que dependa o servizo. Confiamos en que houbese solucións pero estas seguen sen darse e as explicacións, aínda que as podemos entender, non compartimos que siga pasando o tempo e que non haxa unha solución definitiva para poder cubrir as baixas que ten a oficina”.











