Betanzos esixiulle ao Goberno que restableza con carácter urxente o normal funcionamento da oficina da Seguridade Social

176

O Concello dirixiuse hai días á Delegación do Goberno en Galicia para trasladarlle a súa preocupación pola situación dos servizos das oficinas da Seguridade Social despois de detectar que se limitou a atención e que as dependencias estaban pechadas, con escaso persoal. O Concello puxo en coñecemento da administración competente esta situación para esixir que, con independencia das circunstancias que motivaron esta situación, “se dean os pasos necesarios para que o servizo volva á normalidade”. Desde a Subdelegación do Goberno informaron que os problemas eran derivados por baixas de persoal e que se estaban buscando solucións para restablecer o servizo.

A pesar de entender que a situación poida derivarse desas baixas de persoal, o Concello insistiu en que “non pode prolongarse máis no tempo e que por parte da Seguridade Social teñen que tomarse as medidas oportunas para prestar o servizo con total normalidade”, indicou a alcaldesa que advertiu da oposición frontal do Concello a calquera “medida que afecte á redución de servizos á cidadanía”. Indicou que exercerá todas as accións que estean ao seu alcance para manter un servizo que é necesario e imprescindible non só para Betanzos senón para o resto de municipios da comarca.

Advertiu, nesas conversas mantidas hai días coa Subdelegación do Goberno indicoulle “que non vai consentir a perda de servizos e dereitos da cidadanía e que, por tanto, chegará onde faga falta para que as oficinas permanezan en condicións de bo funcionamento”.

A alcaldesa lamenta as incomodidades que esta situación está a provocar na cidadanía de Betanzos e dos municipios da comarca ao verse obrigada a realizar os trámites na Coruña e por iso é polo que esixiu que esta situación non pode demorarse por máis tempo.