Betanzos proporalle a Costas retomar a creación dunha campa de varada na zona do Porto que sirva de abrigo a arredor de 300 embarcacións durante o inverno

343

O Concello manterá unha reunión con Costas de Galicia para falar de diversas cuestións relacionadas coa zona de competencia da Demarcación en Betanzos entre as que figura a creación dunha campa de varada, demandada non só polo propio Concello senón tamén pola Asociación de Amigos dos Ríos de Betanzos (ARBE) coa que a alcaldesa, María Barral, mantivo conversas.

A primeira edil considera que é necesario retomar o proxecto de creación desta zona para atender a demanda de moitos propietarios e propietarias de embarcacións e ante a intención por parte de Portos e a Xunta de cobrar os puntos de amarre en Betanzos. as persoas propietarias de embarcacións, coincide a alcaldesa, necesitan un espazo para subir do río as embarcacións durante o inverno, un varadoiro de lanchas en seco tendo en conta o importante número de embarcacións censadas.

En principio, a zona de varadoiro sería nas inmediacións da depuradora, unha zona que é propiedade de Costas, xa que o Concello non dispón de terreos. En principio, os traballos íanse  executar mais o proxecto, previo á pandemia, quedou paralizado. Agora, a alcaldesa pretende, tras reunirse con Arbe, retomar esta cuestión e que saia adiante canto antes, definindo o tipo de acordo con Costas, se é de cesión deses terreos ao Concello ou se é necesario establecer algún outro tipo de acordo. “Dada a cantidade de persoas que necesitan este espazo para retirar as embarcacións do río durante lle inverno e acometer algún arranxo nestas, coidamos que é necesario que afrontar esta cuestión e poder definir a actuación a curto prazo”, indicou a primeira edil.

Ademais deste tema, a alcaldesa solicitará tamén algunha outra actuación de menor calado na zona e a limpeza dos ríos no tramo de bordo litoral competencia da Demarcación. “Sempre houbo entendemento e colaboración co organismo e sei que o xefe da Demarcación, Rafael Eimil, dará os pasos necesarios para atender as nosas demandas”, explicou María Barral.