Betanzos inclúe un parque infantil na reforma da praza do Emigrante para evitar filtracións e mellorar a súa estética

327

O Concello acaba de adxudicar os traballos de reforma da praza do Emigrante que inclúe tanto a súa rehabilitación como a impermeabilización desta.

O obxectivo é reordenar este espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar “un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece”.

Os traballos consistirán na actualización dos acabados e en resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior. Mellorarase, por tanto, o firme actual, renovando o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.

Renovarase tamén o mobiliario incluíndo o deseño de novos bancos e zonas de descanso, plantación de especies vexetais e a localización dunha nova área de xogos infantís. O orzamento previsto para esta actuación é de 316.166 euros.

Mellora carregal

Outro dos traballos adxudicados polo Concello é a  mellora do campo de fútbol  do Carregal, un proxecto que recibira a maior parte dos votos na convocatoria de orzamentos participativos realizada polo Concello, un total de 105 votos dos 339 emitidos.

As obras consistirán na instalación de peche acristalado na zona superior da bancada, bancos homologados, teito na entrada do campo, reparación e pintado de muros e portóns, ampliación de redes de servizos, hormigonado do perímetro do campo, e mellora de vestiarios O orzamento destas obras ascende a uns 125.000 euros.