Retirada durante a pasada noite a pasarela do Pasatempo sobre a avenida Fraga Iribarne

102

O Pasatempo segue a súa recuperación coa retirada da parte final da pasarela metálica sobre a avenida Fraga Iribarne. Os traballos desenvolvéronse durante a noite para non entorpecer o tráfico.  O tramo “voaba” sobre a avenida Fraga Iribarne e apoiábase  no primeiro nivel do parque antigo. Os traballos forman parte dunha serie de medidas urxentes que se concretaron coa Xunta, sendo as primeiras actuacións que levou a cabo a Administración autonómica no recinto. A desaparición deste tramo fará modificar o acceso ao parque, previsto no Plan Director, que quedará  por un dos laterais, no primeiro nivel.

A pasarela metálica  é obra de Andrés Fernández-Albalat Lois e Carlos Meijide Calvo e foi executada na década dos anos 1990. Conceptualmente pretendía conectar de forma elevada o núcleo de Betanzos co novo parque do Pasatempo e co Pasatempo antigo (parque alto) salvando o río Mendo. Finalmente esta conexión quedou inacabada na zona da ribeira do Mendo, polo que a pasarela elevada perdía parte da súa funcionalidade, quedando como un vestixio inacabado do novo Parque do Pasatempo que so cumpre a función de miradoiro sobre o Carregal e era empregado como acceso sobreelevado cara ao parque alto, salvando a avenida Manuel Fraga Iribarne.

A desmontaxe  afectou un tramo de 47 m de lonxitude,  dende o auditorio ata a entrada na cuberta da Gruta Recoleta, na segunda terraza do parque alto debido á incompatibilidade coas actuacións de conservación que se propoñen no proxecto técnico de restauración do Estanque da Gruta e a Gruta Recoleta. A dita incompatibilidade producíase por dous factores:

  • O primeiro, pola existencia dunha zapata de formigón sobre a que se afianzan dous piares metálicos que sosteñen o taboleiro da pasarela. A dita cimentación foi executada no seu día sobre o muro orixina do estanque, realizado en cachotaría de lousa. Ese muro, na súa cara interior conta cunha decoración artística realizada mediante un mosaico embebido no muro que actualmente presenta alombamentos que poden ter orixe na zapata da pasarela antedita. Para poder restaurar e conservar eses mosaicos con garantías, cómpre retirar a cimentación.
  • O segundo, polos movementos producidos pola pasarela de 300 m de lonxitude sen xuntas de dilatación que descansa nunha cimentación executada sobre os alicerces da Gruta Recoleta, e que pode estar a danar a débil bóveda desa Gruta, que ademais está decorada tamén con mosaicos animais e estalactitas.

A pasarela, ademais de ser empregada para realizar o acceso peonil ao parque, tamén servía para albergar a rede de abastecemento de auga potable e a liña eléctrica que fornecía o parque alto. Destas redes, o abastecemento de auga quedou en desuso cando se realizou unha nova acometida soterrada baixo a avenida Manuel Fraga Iribarne, mentres que a rede eléctrica si daba servizo a un cadro eléctrico municipal, que na actualidade tampouco se está a utilizar por estar nunhas condicións de seguridade pouco apropiadas e existir un cadro eléctrico de obra alternativo a este.

Para adecuar a zona de pasarela que foi cortada crearase un pequeno miradoiro como remate desta, a carón do muro do auditorio. A intervención consistirá en ampliar cara os laterais este espazo final da pasarela, creando un ámbito máis amplo no que poder pararse a observar o parque alto e mesmo ter sitio para instalar un panel miradoiro explicativo con informativo do Parque co que completar a experiencia do visitante.

Este novo espazo construírase con estrutura metálica, utilizando perfís das mesmas dimensións que na pasarela orixinal, e con cuberta e chan de chapa ao estilo da pasarela actual.