Betanzos mellorará a contorna de Santa María coa renovación da rúa na que investirá máis de 150 000 euros dentro do plan de mellora do centro histórico

288

O goberno local acaba de sacar a licitación as obras de mellora da rúa de Santa María nas que investirá máis de 150.000 euros dentro do Plan Único da Deputación Provincial. O proxecto segue a política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico e, neste caso,  expón a da pavimentación e servizos da rúa Santa María.

A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade. A rúa está situada nunha zona dun grandísimo valor cultural, artístico e patrimonial dentro do centro histórico da cidade, concretamente está situada na contorna do conxunto monumental formado polas igrexas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas pertencentes ao gótico tardío, fundadas no século XIII, construídas no século XIV.

A rúa Santa María ten unha lonxitude aproximada de 112 m e un ancho que varía de 3,49 m no punto máis estreito a 6,61 m na zona máis ancha. Na actualidade conta con dous tipos de pavimentos, chapacuña de lousa con caras de corte irregular e laxas de granito no centro da calzada no tramo comprendido entre rúa San Francisco e o entroncamento coa 2.ª Venela Clérigos, pavimentación que presenta nalgunha zona un aspecto malo debido á apertura de gabias para tentar liquidar problemas existentes nos distintos servizos, e laxas de pedra totalmente irregulares e desgastadas con xuntas de morteiro de espesores excesivos no resto da rúa até o seu entroncamento con rúa Pinche.

As obras previstas pretenden sen dúbida contribuír a reforzar os valores arquitectónicos, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, quen explicou que con estas obras  “preténdese contribuír á revalorización patrimonial, histórica e turística, ademais por suposto de optimizar o funcionamento das instalacións municipais e liquidar os problemas existentes nas redes actuais”. Coa actuación que se pretende levar a cabo nesta rúa, “dáse continuidade ás actuacións realizadas en anos anteriores noutras rúas da súa contorna, así como no resto do centro histórico e concretamente nas rúa Pinche, Cerca, Noas e Pastelaría”.

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións exponse unha pavimentación con laxas de cantaría, sen desniveis, seguindo a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplan a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e liquidar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruzamentos aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do actual pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de laxas de granito en toda a rúa.