Betanzos oferta sete visitas guiadas para este trimestre, centradas na ruta monumental e na modernista

555

O Concello continuará este mes o calendario de visitas guiadas previsto para este trimestre. Trátase dun programa no que se recollen os aspectos máis significativos da cidade aínda que “sempre está aberto a outras propostas que poidan chegar e que en todo caso serán estudadas para incluílas na oferta”. Betanzos modernista, o 26 deste mes, Betanzos monumental, o 14 de abril e o 17 de maio, cunha visión global do centro histórico (a zona que desperta un maior interese entre os visitantes), Betanzos en feminino, realizada o pasado día 8 ou Betanzos dos irmáns García Naveira, previsto para o 30 de abril, forman parte da oferta ás que se poden inscribir as persoas interesadas.

No programa haberá dúas rutas da Betanzos monumental, que é a visita máis demandada. Realizarase os días  14 de abril  e 17 de maio. O obxectivo desta ruta é dar a coñecer o patrimonio histórico artístico, o centro histórico declarado conxunto histórico artístico en 1970 que conta con monumentos de interese nacional como a igrexa de Santa María de Azougue e a igrexa de San Francisco. A través dun percorrido polo recinto medieval da cidade (a única de Galicia que conserva o tres portas medievais) a ruta dá a coñecer episodios da cidade, feitos curiosos e principais monumentos como a praza dos irmáns García Naveira (Estatua dos Irmáns García Naveira, igrexa de San Domingos, edificio Arquivo, antigo Hospital de Santo Antonio, a fonte de Diana Cazadora e os soportais), o palco da música, a porta da vila, a praza da Constitución (Casa Núñez, pazo de Bendaña, Concello, pazo e Torre de Lanzós), a igrexa de Santiago e rúa dos Ferreiros (pazo de Taboada e porta da Ponte Nova), a igrexa de Santa María de Azougue, a igrexa de San Francisco (sepulcro de Fernán Pérez de Andrade “O Boo”), porta do Cristo, rúa da Cerca, porta da Ponte Vella, convento das Agostiñas, e as casas populares da Fonte de Unta.

Para realizar estas visitas deberá de haber un mínimo de cinco persoas, que terán que inscribirse na Oficina de Turismo por correo electrónico ou por teléfono 981 776 666. As visitas realizaranse a distintas horas partindo da Oficina de Turismo, por iso é polo que no momento da inscrición informarán ás persoas interesadas ou ben poderán consultar o horario na web municipal www.betanzos.gal ou nas redes sociais.