O Concello esíxelle a Educación que priorice as obras de mellora do Vales Villamarín, solicitadas desde hai anos

337
CEIP Vales Villamarín

O goberno local esixiralle á Consellería de Educación a mellora do colexio Vales Villamarín no que se refire ao segundo bloque do centro “despois de anos de espera”. Para o executivo local e a comunidade escolar os traballos “xa non poden esperar máis tempo”, cando, ademais, “están a efectuarse actuacións noutros centros, non tan antigos como o Vales Villamarín nin con tanto alumnado” segundo indicou a alcaldesa, María Barral.

A primeira edil considera que por parte da Xunta “non se lle está dando ao centro o trato que merece, alongando no tempo unha actuación que desde hai anos tería que ser unha prioridade para o executivo galego”. A pinga que enche o vaso son as constantes filtracións que se producen no patio cuberto por mor dunha obra efectuada pola Xunta que non quedou ben. “Sabemos que hai unha partida para arranxar esta situación pero que non se dá contratado por parte da Consellería, e non entendemos  os motivos polos que se está atrasando”, indica a primeira edil.

O Concello, que acaba de contratar os traballos de mellora da zona de xogos infantís do centro, incide na necesidade de adecuar o segundo bloque do colexio como se fixo co primeiro, cunha reforma consistente na adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación.

Este segundo bloque do colexio segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Estaba nun estado moi similar ao que se atopaba o primeiro antes da reforma, con necesidades no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia,  a iluminación e o pintado interior.

Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar, tendo que habilitar de forma extraordinaria espazos no salón de actos, que se viu así reducido. Para o Concello é necesario que a Xunta cubrise unha das partes destinadas a aparcadoiro, anexas ao actual comedor, segundo indicou o concelleiro de Educación, Andrés Hermida. Xunto co Vales Villamarín, o goberno local tamén incide na necesidade de que a Xunta realice diversas melloras no Instituto Francisco Aguiar.