Betanzos pídelle solucións á Xunta para garantirlle aos universitarios e universitarias un servizo de transporte público á primeira hora da mañá

459

“Estamos a asistir a unha serie de problemas que teñen que ver de forma reiterada co transporte público que non podemos pasar por alto e aos que entre todos e todas temos que darlle solución”. A alcaldesa, María Barral, denunciou esta mañá os problemas que padecen os universitarios e universitarias de Betanzos e da comarca “cada día á hora de utilizar o autobús do oito da mañá, posto que non hai prazas suficientes e, a pesar das peticións realizadas polas persoas usuarias, non se atendeu un aumento do servizo”.

Esta situación está provocando que moitos días “os universitarios e universitarias teñan que quedar en Betanzos agardando o seguinte autobús e que non cheguen a tempo ás súas clases”.

A alcaldesa indicou que do mesmo xeito que ocorreu cos problemas de transporte escolar no CEIP Francisco Vales Villamarín que finalmente pola “presión da comunidade escolar e o Concello se solucionaron en boa parte” agora estamos ante outro problema ao que a Xunta lle terá que facer fronte coa empresa concesionaria para buscar solucións e que “en determinadas frecuencias aumenten os servizos se é que cos actuais non chega para cubrir a demanda”.

No autobús do oito, ademais de universitarios e universitarias, hai moitas “persoas traballadoras que se desprazan e, por tanto, non chegan, moitos días, as prazas dun só autobús”. A primeira edil agarda que, do mesmo xeito que no transporte escolar, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade “reaccione ante a empresa e que se chegue a un acordo para aumentar o servizo ante os problemas que para moitas persoas usuarias ten a actual situación”.