Betanzos renova o sistema de funcionamento dos semáforos a través dun proxecto no que investirá uns 60 000 euros

368

O goberno local acaba de contratar  as obras de renovación do sistema de funcionamento da rede semafórica da cidade. Trátase dun proxecto que se incluíu no POS 2020 da Deputación e no que se investirán uns 60 000 euros. Con esta actuación o goberno local busca renovar todos os equipos reguladores, que son antigos e que nos últimos anos ocasionaron numerosos problemas, especialmente coincidindo con alteracións meteorolóxicas.

O proxecto recolle a renovación da rede de semáforos no cruzamento da avenida da Coruña (Instituto As Mariñas), da avenida de Castela-Concepción Arenal, da avenida Fraga Iribarne e Jesús García Naveira; no Centro Pai Menni e no cruzamento da avenida García Naveira (gasolineira); e tamén no cruzamento da praza dos Irmáns García Naveira, a Ponte Nova, a Ponte Vella e Saavedra Meneses.

Os semáforos pasarán a utilizar tecnoloxía actual, instalando tamén premedores onde está regulado o paso peonil; co pintado de báculos e renovación de pantallas.

Este proxecto completa outro que consistiu na mellora de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización.

A actuación enmarcouse nun programa de mellora de seguridade que incluíu tamén a elevación de pasos, en varias rúas da zona centro; a instalación de sinais informativos con luces intermitentes, tamén en pasos próximos a zonas escolares, Malecón, avenida Fraga Iribarne, estrada de Castela (entre outras); e peticións a outras administracións, ao non ter competencia municipal sobre esas vías, para que colocasen bandas rugosas xusto antes dos pasos de peóns.