O Concello de Betanzos convoca o XIII Concurso de creación literaria.

452

O Concello de Betanzos vén de convocar a décimo terceira edición do Concurso de creación literaria, coincidindo coa programación do Día Internacional do Libro e a Lectura. O prazo de entrega dos traballos queda aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de abril.

Os obxectivos que persegue o XIII Concurso de creación literaria son promover o emprego escrito da lingua galega e fomentar a creación literaria xuvenil. Os textos presentados poderán ser relatos curtos ou poesías e cada participante poderá presentar un só texto ao concurso.

Tamén se establecen tres categorías nos premios: haberá un primeiro premio e un accésit na categoría do alumnado da ESO, outro na categoría de Bacharelato e ciclos formativos e un último na categoría aberta para calquera persoa maior de idade.

Todos os textos deberán presentarse en lingua galega e o tema é libre. O lugar de entrega serán as secretarías do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas, o Servizo de Normalización Lingüística ou a Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

 

As persoas interesadas poden ver as bases completas, na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello de Betanzos e solicitar máis información do XIII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, no teléfono 981 770 011 ou no enderezo electrónico [email protected].

Podes consultar as bases completas AQUÍ