Betanzos reclama á Xunta melloras en materia de seguridade vial en varios puntos, entre os que se encontra o cruzamento de Montellos

257
Cruzamento de Montellos, na AC-542 que conecta Betanzos con Mesón do Vento.

A alcaldesa, María Barral, trasladou á Axencia Galega de Infraestruturas a necesidade de levar a cabo unha serie de actuacións de mellora da seguridad viaria en distintas estradas de titularidade autonómica ao seu paso polo municipio.

Estas actuacións responden tanto a criterios técnicos de seguridade como a demandas veciñais reiteradas, “e consideramos que a súa execución contribuiría de maneira significativa á mellora da mobilidade e á redución de riscos para peóns e condutores”, indicou a primeira edil.

Entre elas, a alcaldesa destacou a mellora do cruzamento de Montellos, na AC-542 que conecta Betanzos con Mesón do Vento.  O Concello propón a mellora do cruce para o seu estudo ben a través dun sistema semafórico ou ben a través dunha rotonda. É un dos puntos máis perigosos, por número de accidentes, que existe no concello.

Outra das actuacións é tamén para esta estrada, no tramo de Guiliade. Neste caso, solicítase a limitación da velocidade a 50 km/h neste tramo ao considerar que se trata dun ámbito con características propias de travesía urbana, con presenza de vivendas e tránsito peonil.

María Barral espera tamén que a Xunta poida mellorar a seguridade na estrada que une Betanzos con Bergondo, a AC-161, coa construción de beirarrúas  entre Betanzos e Miodelo, na zona de Castro. Neste ámbito resulta necesaria a dotación de itinerarios peonís seguros mediante a construción de beirarrúas nos tramos que carecen delas dada a existencia de núcleos habitados e a ausencia de espazos adecuados para o tránsito peonil.

Tamén fai unha chamada de atención á revisión da sinalización horizontal na estrada Betanzos–Oza Cesuras, a AC-840. Tras as recentes actuacións de pintado da sinalización horizontal levadas a cabo por esa Consellería, recibíronse diversas queixas veciñais relativas á implantación de liñas continuas que impiden a realización de xiros que anteriormente sí eran posibles.

Barral pide á directora xeral que estude esta situación e que se valoren posibles axustes que compatibilicen a seguridade viaria coas necesidades de accesibilidade da veciñanza.