O Concello licitou as obras necesarias para realizar a mellora da urbanización e servizos da praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos e reorganizar as dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación. As obras incluirán a reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas. O custo do investimento supera os 237 000 euros.
A alcaldesa, María Barral, explicou que a intención do Concello é recuperar espazos para o uso do cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia deste co automóbil, para redefinir tránsitos e limitar o espazo destinado ao estacionamento de vehículos.
Na praza Paio Formoso resérvase para os peóns e peoas o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo e desprázase o acceso rodado ao Malecón, fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras e integran os aparcadoiros que se propoñen.
Na praza do edificio Matadoiro, con motivo de realzar edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estadía, colocarase unha beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.
Na sección de rúa que é obxecto de renovación nas infraestruturas urbanas proponse pavimentar de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegados ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado e ao mesmo tempo permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non lle afecte o pavimento continuo do centro da rúa.
Desta forma “as obras previstas no presente proxecto teñen como obxectivo mellorar a urbanización de todo o ámbito de actuación incluído no proxecto e, en especial, a reordenación das dúas prazas e a súa recuperación para o uso da cidadanía que adquire o valor físico, simbólico e social que deben ter as prazas. Físico, polo lugar central que achegan á comunidade de recreación dos nenos e nenas e persoas adultas cos seus xogos e bancos para sentar e gozar coas amizades, simbólico polo que representa para a conformación propia da zona e da cidade e un inmenso valor social xa que conforman un espazo de reunión, de xeración de lazos entre seres humanos de distintas xeracións e costumes, que vale a pena compartir” explicou a primeira edil.
En ambas as prazas as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos resaltaranse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.