O Concello renovará o parque infantil da Ribeira a través dun plan provincial, POS 2024, que será levado a pleno esta próxima semana. Trátase dunha actuación que suporá un desembolso próximo aos 85 000 euros e coa que se pretende actualizar e mellorar as instalacións e crear un espazo “lúdico moderno e seguro”. Os traballos consistirán na retirada dos xogos actuais e a renovación, posteriormente, do caucho continuo.
A zona contará con novos xogos que incluirán unha estrutura con forma de balea, un faro, unha medusa, un barco pirata e un balancín múltiple, todos eles adecuados para diferentes grupos de idade e con capacidades necesarias para ofrecer un espazo de xogo seguro e estimulante. A maiores, tamén se realizará unha reparación completa do valo de peche e a instalación de mobiliario con cartel informativos, bancos e papeleiras. O obxectivo é transformar o parque nun espazo máis funcional, seguro e agradable para os nenos e as nenas, asegurando o cumprimento de todas as normativas de seguridade e accesibilidade.
A actuación forma parte dun programa de renovación de parques infantís que desenvolverá o Concello en varias fases. Ademais desta actuación “están a proxectarse outras de renovación de xogos e reordenación destas áreas infantís, que afectará tanto á zona urbana como á zona rural”, explicou a alcaldesa, María Barral, quen indicou que se trata de “un programa prioritario para o Concello para desenvolver durante este mandato”.
Outra das actuacións previstas a curto prazo é a mellora da área infantil da rúa do Pintor Seijo Rubio, que será a primeira cuberta de todo Betanzos. Nestas obras, incluídas no POS da Deputación, investiranse máis de 188 000 euros. Agora, tendo en conta a situación de Pintor Seijo Rubio, entre os antigos inmobles do ambulatorio e do Asilo Manuel Naveira, apostouse por asegurar o óptimo aproveitamento da zona, “cubrindo os xogos cunha xeometría irregular, empregando materiais lixeiros que protexan aos nenos e ás nenas das inclemencias meteorolóxicas, e de cores, o que contribuirá á integración da cuberta na contorna”, segundo o deseño técnico, no que se contempla unha “cuberta de lona, que pechará na parte alta con ‘tramex’ de cores que achegará sombra e protexerá da choiva lateral”. Ademais, a estrutura lembrará á dos postos da feira, tan importante e simbólica para a cidade.











