Betanzos repetirá os dispositivos de seguridade precovid para as festas, incrementando a presenza de Policía Local e Garda Civil

369
A alcaldesa, María Barral, a subdelegada do Goberno, María Rivas; así como representantes da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil no salón azul do edificio Liceo.

O goberno local convocou unha Xunta Extraordinaria de Seguridade para tratar e avanzar sobre os distintos dispositivos de seguridade que se desenvolverán durante a Feira Medieval e as festas de agosto. A reunión contou coa presenza da alcaldesa, María Barral, a subdelegada do Goberno, María Rivas; así como representantes da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.

A Xunta acordou volver pór en marcha tanto para os días de Feira Medieval como para as festas os dispositivos especiais que se desenvolveron os últimos anos antes da pandemia. Así, de cara ás xiras dos Caneiros, haberá presenza de Garda Civil tanto no campo da romaría como no propio río. Ademais, reforzarase a presenza o día do Globo.

Tras dous anos nos que non se celebraron as festas e, por tanto, non houbo romaría tanto por parte do Concello como da subdelegación do Goberno espérase que as festas deste ano e, máis concretamente, as dúas xiras aos Caneiros teñan mesmo máis participantes que nos anos antes da pandemia “polas ganas que hai de volver celebralas e pola resposta que está a haber noutras celebracións”, explica a primeira edil. Ante esa situación, o Concello e a Subdelegación acordaron desde xa traballar “da man e incrementar a colaboración, que estes anos xa foi magnífica, para que todo transcorra con normalidade a pesar dos miles de persoas que se agarda que participen tanto nesas dúas xiras como no día do Globo ou na Feira Medieval”.

Os dispositivos comezarán, precisamente, por esta última cita, a primeira no calendario de festas de Betanzos que terá lugar os días 8, 9 e 10 de xullo. Policía Local será a encargada de velar pola seguridade nas rúas do centro histórico mentres a Garda Civil manterá presenza en varios puntos da cidade. De face ás festas de agosto, os dispositivos comezarán o día 16 co lanzamento do Globo, onde se repetirá a formulación da Feira Medieval, e durante as dúas xiras aos Caneiros. Neste caso, a Garda Civil encargarase da seguridade no campo de celebración, con presenza tamén no río, mentres que a Policía Local estará presente nos accesos por terra ao camiño dos Caneiros.

A primeira edil indicou que o obxectivo é que todo transcorra dentro duns parámetros de normalidade por que “aínda entendo que levamos dous anos sen celebracións  e todos queremos que volvan, certo é que desde o Concello e a Subdelegación temos a obriga de velar pola seguridade e evitar, como en anos anteriores, incidentes no campo dos Caneiros. Destacou os bos resultados dos anos previos á pandemia desde que se incrementou a colaboración entre as forzas de seguridade.