Betanzos restablece desde o sábado os aparcadoiros nas rúas da contorna á praza do Emigrante recolocando os vehículos afectados no propio aparcadoiro da praza e no subterráneo da García Naveira

38

O Concello eliminará as restricións de estacionamento na contorna da praza do Emigrante, postas en marcha a principios desta semana polas obras, a partir do próximo sábado. Así, a rúa doutor Fariña, Cal das Barras, a rúa Profesor Míguez e parte da rúa do Rollo volverán dispor de estacionamento libre.

O Concello, xunto coa empresa que executa as obras e a comunidade de veciños e veciñas, habilitaron zonas seguras dentro do aparcadoiro da praza para dar servizo a máis de 40 vehículos, en prazas que xa non se verán afectadas as obras.

O resto, que si están afectadas, terán como alternativa o aparcadoiro subterráneo da praza dos Irmáns García Naveira, logo de chegar a un acordo de colaboración entre o Concello e a concesionaria, e dispoñen dunhas 65 prazas ata finais de xuño.

Estas modificacións permitirán restablecer as prazas en superficie nas rúas adxacentes á praza do Emigrante para dar cobertura aos locais comerciais e á veciñanza residente na zona, que tamén se vía afectada as obras.

Os traballos inclúen tanto a súa rehabilitación como a impermeabilización desta, pola que comezaron os traballos. O obxectivo das obras é reordenar este espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar “un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece”.

As obras consistirán na actualización dos acabados e en resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior. Mellorarase, por tanto, o firme actual, renovando o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.

Renovarase tamén o pavimento e o mobiliario incluíndo o deseño de novos bancos e zonas de descanso, plantación de especies vexetais e a localización dunha nova área de xogos infantís. O orzamento previsto para esta actuación é de 316 166 euros.