O Concello solicitará incluír Infesta, Guiliade e Castro no paquete de investimentos de mellora de seguridade viaria que acaba de anunciar a Xunta

33
Estrada que une Betanzos con Abegondo ao seu paso por Guiliade.

“Temos demandas que veñen de hai anos, tanto do Concello como da veciñanza, e é hora de que a Xunta as teña en conta”. A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello trasladará á Xunta as distintas “actuacións que son necesarias abordar en varias das vías de titularidade autonómica que pasan por Betanzos e que levan anos sen ser atendidas”.

A primeira edil indicou que está á espera de manter unha reunión coa delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, para tratar “esta e outras cuestións” que son necesarias abordar para Betanzos xa non só en materia de seguridade viaria senón tamén en educación. No entanto, centrándose é materia viaria, a alcaldesa volveu referirse á situación da estrada que une Betanzos con Abegondo e a de Betanzos a Sada.

Aproveitando o anuncio de investimento en proxectos de seguridade viaria en Galicia realizado hai uns días polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o goberno local betanceiro espera que dentro deses paquetes de “actuación que prevé a Xunta se inclúa a mellora viaria desas dúas estradas  e así llo pedirei á delegada territorial”, indicou a alcaldesa.

Nos últimos meses producíronse varios accidentes na vía que une Betanzos con Abegondo, afortunadamente de pouco alcance, nos que “todo quedou en sustos por saída de vía e pequenos danos materiais”. No entanto, a preocupación do goberno local, compartida pola veciñanza, é que en calquera momento se poida producir un accidente máis grave con serias consecuencias. Por iso, o que se pretende é que, como primeiro paso, a Xunta declare tramo urbano a estrada ao seu paso por Guiliade, ademais de acometer, despois de anos de peticións, a reforma da mesma vía ao seu paso por Infesta e, en concreto, pola ponte sobre o ferrocarril.

O Concello considera que no tramo de Guiliade, un tramo netamente urbano, con vivendas por ambas as marxes “debe reducirse á velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h. Non logramos entender como o tramo non se identifica nin como travesía nin zona urbana, manténdolle a velocidade a 70 quilómetros por hora co risco que iso supón para a veciñanza da zona que cada día transita pola vía e que, ante esta situación, non ten unha zona de paso peonil segura”, indica a alcaldesa.

Barral tamén se referiu ao tramo de Infesta, un punto negro do municipio no que desde hai anos o Concello leva solicitándolle á Xunta a reforma da ponte sobre o ferrocarril. “Trátase dun punto no que se producen constantemente accidentes, algúns, hai anos, con vítimas mortais. É necesario modificar o tramo, e incrementar a seguridade”.  Ademais desta actuación, solicitarase a construción de beirarrúas na zona de Piadela-Guiliade, así como a creación dun camiño seguro que unha Betanzos coa residencia da terceira idade e o centro Pai Menni.

Estrada Sada

Por outra banda, canto á estrada que une Betanzos con Sada, na zona das Angustia, Castro-Pontellas, o Concello considera necesario a construción de beirarrúas xa que a veciñanza ten que transitar e invade a calzada. Ademais, solicitarase a sinalización dalgún paso de peóns nunha travesía que, do mesmo xeito que Guiliade, pola situación das vivendas en ambas as marxes da estrada, é necesaria “mellorar de forma inmediata a seguridade”.