Arredor de 400 escolares de Primaria participaron nunha nova campaña de educación viaria sobre os peóns, ciclistas e pasaxeiros

292
O concelleiro de Seguridade, Pablo Beade e o inspector Manuel Seijo Vázquez entregaron os diplomas acreditativos de participación.

O Concello, a través da concellaría de Tráfico, concluíu a campaña de educación viaria dirixida a escolares que cursan segundo, cuarto e sexto de educación Primaria, en total arredor de 400 alumnos e alumnas de Betanzos e a súa comarca do colexio Francisco Vales Villamarín, impartido polo inspector Manuel Seijo Vázquez, quen xunto co concelleiro de Seguridade, Pablo Beade, entregaron os diplomas acreditativos de participación.

A través desta campaña o Concello fomentou hábitos de conduta para respectar e cumprir as normas, evitar accidentes e garantir a seguridade. Aos nenos e ás nenas de segundo curso explícanselles os hábitos peonís (normas para circular por cidade, estrada, como cruzar a calzada…) e as condutas que deben adoptar como pasaxeiros e pasaxeiras dos vehículos particulares, autobuses escolares e de liñas regulares. Aos de cuarto e sexto curso, ademais de incidir nas regras anteriores, introdúcenos nas normas para conducir bicicletas e nos sinais máis sinxelos e usuais. Por último, aos de sexto curso entregaráselles un diploma conforme completaron os distintos cursos de educación viaria ao longo da súa etapa de educación Primaria, incidindo nas normativas establecidas actualmente para o uso de patinete eléctrico.

O obxectivo da campaña é tamén que de forma indirecta o alumnado inflúa no comportamento dos maiores, especialmente no referente ao uso do cinto de seguridade, sistemas de retención infantil e na prohibición de usar o móbil durante a condución.

Outro dos obxectivos é que o alumnado perciba a proximidade dos policía locais e aumente a súa confianza nos corpos e forzas de seguridade á hora de requirilos polos problemas que poidan padecer ou para fomentar a colaboración cidadá para a resolución de feitos delituosos que poidan observar nun futuro.