O Concello e a Deputación colaborarán na ampliación dos equipamentos deportivos no Carregal e na contorna do Pasatempo

28

Ampliar as instalacións e equipamentos deportivos do Carregal e a contorna do Pasatempo. Con ese obxectivo, a alcaldesa, María Barral, reuniuse co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para analizar un proxecto que o Concello pretende desenvolver na zona e para o que a Deputación está en disposición de apoiar economicamente co fin de cubrir unha serie de demandas en materia deportiva de diferentes colectivos.

A primeira edil expúxolle ao presidente desenvolver un programa de actuacións en varias anualidades que inclúa a construción dun Pump Track nesa zona, demandado nos orzamentos participativos, as instalacións de atletismo, unha pista de petanca, e a renovación dos xogos de skate, completando todo iso coa construción dunha nova cuberta nunha das pistas polideportivas da cidade.

María Barral indicou que este proxecto, que tamén incluirá actuacións nas instalacións deportivas da zona rural, é unha das prioridades marcadas para o presente mandato e que, tras a conversa co presidente provincial, “será apoiado desde o ente provincial cunha achega económica importante que xunto a outras achegas municipais permitirán ir desenvolvéndoo en varias fases”.

A Deputación e o Concello analizaron outros posibles “programas de colaboración” durante o presente mandato, relacionados, de forma especial, con aspectos sociais e con actuacións “para as que imos seguir mantendo reunións”.

Outro dos proxectos abordados na reunión é o da construción dunha zona de lecer e tempo libre que se construirá na contorna da Condesa, a través dun convenio entre as dúas administracións, e a creación dos hortos urbanos na zona de Bellavista, que permitirá a moitos veciños e veciñas do municipio dispor dunha pequena parcela de cultivo.

Canto ás infraestruturas, a Deputación tamén abordará as peticións formuladas desde o Concello para a mellora de seguridade en varias vías provinciais como a estrada que une Guísamo con Guiliade ou que de Betanzos a Velouzás. Nesta última, os problemas parten do pavimento, moi deteriorado polo paso do tempo, especialmente en varios tramos, o que provoca situacións de perigo chegando mesmo a saídas de vía de vehículos. A Deputación incluirá esta vía nos seus plans provinciais para  acometer unha mellora do pavimento que evite esas situacións. Tamén pretende executar  a construción dunha senda na marxe dereita en dirección a Guiliade que facilite unha área peonil segura e tamén “evite as situacións de perigo que se producen nun tramo moi frecuentado por peóns e peoas”.